SERVIZOS SOCIAIS

OS SERVICIOS SOCIAIS COMUNITARIOS BÁSICOS DO CONCELLO DA POBRA DO CARAMIÑAL

Os programas que se desenvolven nos servizos sociais comunitarios básicos son os seguintes:

1.- SERVIZO DE INFORMACIÓN, VALORACIÓN E ORIENTACIÓN (SIVO)

É a porta de entrada aos servizos sociais. Ten por obxecto informar, orientar e asesorar á poboación sobre os dereitos e recursos sociais existentes que poidan dar resposta ás problemáticas individuais, familiares e de grupos específicos que se presenten.

 

2.- SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

Instrumento que permite a prestación dunha serie de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a autonomía persoal.

Os obxectivos do servizo básico de axuda no fogar van dirixidos a mellorar a calidade de vida dos usuarios posibilitando a permanencia dos mesmos nos seus domicilios e potenciando a súa autonomía persoal; ademais supoñen unha axuda para a mellora das relacións familiares e sociais, a prevención de situacións de exclusión social e o retraso da institucionalización.

 

3.-  PROGRAMA DE EDUCACIÓN FAMILIAR

Dirixido a familias en situación de vulnerabilidade. A súa finalidade é proporcionar aos usuarios, os vínculos necesarios para acadar  autonomía e participación activa na comunidade.

O programa baséase nunha intervención socioeducativa individualizada e de carácter integral, que promove procesos orientados ao desenvolvemento persoal dos membros das unidades familiares e á prevención do deterioro das mesmas e dos factores de risco de desestruturación familiar e marxinación social.

 

4.- PROGRAMA DE PREVENCIÓN E INCLUSIÓN SOCIAL

Orientado a mellorar a autonomía persoal e acadar independencia económica en persoas en risco de exclusión social. Inclúe: persoas con toxicomanía, integración social de Galicia (RISGA, AIS), tarxetas de estacionamento e accesibilidade para persoas con dificultade de movemento, axudas para a escolarización, programa de envellecemento activo e programas de fomento, promoción e cooperación social.

 

5.- PROGRAMA DE FOMENTO, PROMOCIÓN E COOPERACIÓN SOCIAL

 

5.1 PROGRAMA “VACACIÓNS EN PAZ”

Baseado nun convenio asinado entre o Concello da Pobra do Caramiñal e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, promove o acollemento temporal de menores saharauís por parte de familias do municipio, co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica a estes nenos durante os meses de verán.

 

  • FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE. Desde 1999 participa o Concello da Pobra do Caramiñal co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unha asociación de carácter municipalista que, ante a realidade dun mundo dividido en sociedades ricas e empobrecidas, e ante as consecuentes desigualdades para máis do 80% dos seres humanos, busca a adopción de actitudes e accións coherentes para contribuír á construción dun mundo máis xusto e solidario.

 

  • ALOXAMENTO ALTERNATIVO

Dirixido a persoas que, por diversos motivos e problemáticas teñen que ser acollidos ou aloxados en centros.

 

PLANTILLA DE PERSOAL ADSCRITO AOS SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS BÁSICOS

Dúas traballadoras sociais, unha educadora familiar e unha auxiliar administrativo.

 

Os servizos sociais comunitarios básicos están a ser financiados a través da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia.

 

Horario:

De luns a venres de 07:45 horas a 15:00 horas

Rúa Castelao, 1

981-83.27.64

cad@apobra.gal

servizos.sociais@apobra.gal