Últimas Novas

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil: contos de Andersen para as nenas e nenos, sempre QUEDANDO NA CASA

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil: contos de Andersen para as nenas e nenos, sempre QUEDANDO NA CASA

            A biblioteca municipal da Pobra do Caramiñal Victoriano García Martí explícano-la orixe do Día Internacional do Libro Infantil e fainos unha recensión de contos de Andersen en que nos descobre as causas que o levaron a imaxinar e crear esas famosas obras da fantasía infantil.

Non a perdades!

 

            Hoxe, 2 de abril, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil. A razón está en que nesta data de hai 215 anos naceu Hans Christian Andersen. A súa biografía e as súas obras (O soldadiño de chumbo, O traxe novo do emperador, Polgariña, O parrulo feo, A raíña das neves…) son moi coñecidas, pero aquí gostaríanos falar de dous aspectos da súa vida que non o son tanto e que dan orixe ós nosos dous contos favoritos do autor.

A primeira é que era fillo dun zapateiro e unha lavandeira. Eran tan pobres que viviron durante un tempo debaixo dunha ponte, pedindo esmola, na zona de Odense (Dinamarca). Durante eses invernos pasou frío e fame e, froito daquela experiencia, anos máis tarde, xurdiría A pequena dos mistos. Un conto de miseria, fame e dor, onde a protagonista morre de frío mentres a xente pasa indiferente polo seu lado. Unha lección acerca da compaixón, que deberamos ler tódalas persoas, de calquera idade.

A segunda é acerca dos seu amores. Andersen namorouse de mulleres e homes inaccesíbeis e moitos dos seus contos pódense interpretar como alusións ós seus fracasos sentimentais. Aquí o que queremos mencionar é o seu amor non correspondido con Edvard Collin: “Languidezo por ti … os meus sentimentos cara a ti son coma os dunha muller. A feminidade da miña natureza e a nosa amizade deben permanecer en segredo”, escribiríalle nunha carta. Rictor Norton foi quen desvelou que o conto A sereíña ten a súa orixe nesta relación. O final desta historia é pouco coñecido porque case todo o mundo viu a película de Disney, pero pouca xente leu o orixinal. Na versión de Andersen o corazón da sereíña rompe en anacos e o seu corpo convértese en espuma, mentres a súa alma ascende ó ceo coas Fadas do Vento.

E alí, no ceo, está o Hans Christian Andersen, o asteroide 2476, bautizado así no seu honor no ano 1985. Unha fermosa homenaxe a quen é, sen dúbida, o principal responsábel da nosa mitoloxía infantil.