IGUALDADE
A Concellaría da Igualdade ten como obxectivo principal contribuír a reduci-las desigualdades existentes entre mulleres e homes, impulsando políticas transversais e de acción positiva, que contribúan a crear condicións e estruturas sociais que permitan que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva.
A igualdade de oportunidades é fundamental para o desenvolvemento da nosa sociedade, debe ser un compromiso asumido e interiorizado no ámbito municipal, de aí o II Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2015-2018 do Concello da Pobra do Caramiñal, que se aprobou e estabelece as seguintes áreas de intervención:
- Área 1. Educación e formación en igualdade
- Área 2. Conciliación e corresponsabilidade
- Área 3. Prevención e tratamento da violencia de xénero
- Área 4. Información e participación activa
- Área 5. Saúde e benestar social
Póñense á disposición da sociedade servizos e programas destinados a favorece-la igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, á erradicación da violencia de xénero e á conciliación da vida familiar e laboral.
Na Pobra do Caramiñal contamos cun recurso de atención ás mulleres dende o ano 2000, que se denomina Servizo de Información e Asesoramento Xurídico á Muller, cuxa responsábel é María José Pérez Piñeiro (avogada).
SERVIZO DE INFORMACIÓN, ASESORAMENTO XURÍDICO E ATENCIÓN PSICOLÓXICA PARA MULLERES:
Programa de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero que ofrece un servizo de atención integral ás vítimas de violencia de xénero e a mulleres en situación de vulnerabilidade, cunha atención xurídica e psicolóxica ás mulleres para mellora-la súa situación persoal, social e laboral e proporcionando o seguinte:
- Orientación personalizada e confidencial nos procesos penais por violencia de xénero
- Información e tramitación de axudas e recursos
- Atención psicolóxica para intentar repara-los distintos aspectos persoais e vivenciais que foron malogrados na relación de violencia vivida
- Promoción da autonomía e independencia das mulleres, incidindo na inserción laboral, e na recuperación das súas fortalezas e capacidades
A quen vai dirixido?
- Mulleres vítimas de violencia de xénero e mulleres en situación de especial vulnerabilidade
- Fillas e fillos das mulleres vítimas de violencia de xénero
Correo electrónico: igualdade@apobra.gal
PROGRAMA DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE E DE PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO:
OBRADOIROS DE CONCILIACIÓN, SERVIZO DE MADRUGA E COMEDOR:
II PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE MULLERES E HOMES 2015-2018:
Pode descarga-lo Plan premendo aquí. Tamén está á disposición o folleto informativo relativo a dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero e a guía de linguaxe non sexista.
XOGO VIRTUAL E INTERACTIVO SOBRE A IGUALDADE:
O xogo virtual Canto sabes sobre igualdade? xa está á disposición para tódalas crianzas
A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal informa de que xa está dispoñíbel para tódalas crianzas o xogo virtual e interactivo Canto sabes sobre igualdade?, o cal se enmarcaba na programación deseñada para este ano polo Día Internacional da Muller, no 8 de marzo, e que estaba dirixido a alumnado da primaria no Salustiano Rey Eiras e no Pilar Maestú Sierra. Financiada polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero e polo Ministerio da Igualdade, pódese acceder á referida actividade a través da seguinte ligazón: https://view.genial.ly/6045d27f5641fc0d99e88ef2.
Cómpre lembrar que o Concello da Pobra do Caramiñal escolleu para este 2021 o lema “A igualdade comeza pola educación”, polo cal gran parte da programación se desenvolveu nos centros educativos do municipio, abranguendo os diferentes graos de ensinanza.
III PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE MULLERES E HOMES 2022-2026:
A elaboración do III Plan atópase na fase de participación social, polo cal se abre un proceso participativo en que a veciñanza da Pobra poida expo-las súas demandas e necesidades reais en materia de igualdade. Con esta finalidade, preséntase unha enquisa anónima que estará á disposición ata o día 4 de abril na páxina web www.apobra.gal, nas redes sociais e, en formato papel, no rexistro xeral do Concello.
A ligazón ao formulario online é a seguinte: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScSlBuQmVP7lFRv-N3ib8F_8vBJ-aYgw_0DpZBa3sc0ggTsKA/viewform.
Consta de 33 preguntas que permitirá identifica-las demandas e necesidades da poboación en canto á conciliación, a violencia de xénero, a igualdade, a formación en igualdade e a participación social de mulleres e homes da Pobra nos diferentes ámbitos.
Para resolver dúbidas ou achegar propostas en canto ás medidas que se poidan establecer neste III Plan tamén está ao dispor o enderezo electrónico igualdade@apobra.gal e o teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6.