XX EDICIÓN DAS XORNADAS DE HOMENAXE A VALLE-INCLÁN 2018
As Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán son promovidas polo Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal e son posíbeis cos patrocinios da Secretaría Xeral da Cultura da Xunta e mais do Concello da Pobra do Caramiñal. Suman importantes colaboracións: as de entidades académicas, colectivos e asociacións do ámbito cultural que son referentes locais, comarcais e galegos.
Trátase dunha iniciativa anual para a dinamización e a promoción da cultura, que inclúe unha sorte de actividades arredor do diálogo entre as artes e as letras, fomentando o coñecemento sobre o xenio e a figura valleinclanescos e a Galiza. Os actos son de balde e de acceso libre, ata completa-la cabida do local e en xeral orientados a tódolos públicos, inda que algúns tamén exclusivamente pensados para escolares.
O deseño do cartel desta vixésima edición é creación de Martinho Picallo, unha obra onde se alude á condición de arousán polos catro costados de don Ramón del Valle-Inclán, quen se representa transformado no tritón mariño que campa dentro dun gran medallón renacentista na torre de Bermúdez, no Caramiñal, acompañado dunha daquelas dornas con ollos de guía, segundo a tradición clásica perdida no século XX, barca que suca as augas da ría e das poboacións das dúas bandas, presentes a través dunha réplica da cartografía de Fontán. De aí, por exemplo, a presenza da serea, a carón da illa de Sálvora, ou do hipocampo que sostén un pendón cos brasóns do antigo reino de Galiza, unindo as bandas de Vilanova (no Salnés) e do Caramiñal (no Barbanza).
O programa de actos de 2018 inclúe
- exposición de ilustracións, obras creadas polo artista barbancés Domingo Regueira
- degustación de delicatessen literarias, produtos de gastronomía valleinclanesca
- visita guiada: “Santiago de Compostela, rosa mística de pedra”
- conferencia arredor dos pazos galegos por Juan Manuel Monterroso, profesor titular da USC
- presentación de Cuadrante (números de 2018), revista de estudos valleinclanescos e arousáns
- recital multidisciplinar de poesía, música e imaxe, polo grupo Ouriol (coa voz de Eva Veiga)
- escena, con base na conferencia de Castelao na Habana en 1939 “Galicia y Valle-Inclán”, e ficcións galegas de Valle-Inclán, polo Teatro Airiños de Rianxo (dir. Esther Carrodeguas)
- visita guiada: “A Pobra do Caramiñal, ruta biográfica e literaria de Valle-Inclán”
- teatro escolar, con A marquesa Rosalinda. Farsa sentimental e grotesca, de Valle-Inclán, por Títeres Cachirulo (dir. Jorge Rey), por primeira vez representada en galego
- presentación de importantes manuscritos inéditos do literato, por Xaquín del Valle-Inclán Alsina
- concerto de música de autor, “Cantares galegos”, por Manoele de Felisa
- ofrenda cívica ante o monumento a D. Ramón no Cantón da Leña, seguida dunha ruada pola vila
- espectáculo de teatro, música e audiovisual, “Homenaxe popular a Valle-Inclán”, coa participación de Bradomín Teatro, Aula de gaita e percusión tradicional A Gandaina, Escola de baile e pandeireta Caramiñas da Asoc. Amas de Casa, Lumieira e Tanxedoira, Cris Román e Barahunda
Apostamos pola democratización do saber a través do potencial de materias transversais como son a cultura, a educación, o turismo, a formación cívica e o lecer sociocomunitario. Interésanos fomenta-la vitalidade na localidade e a súa contorna de influencia, sendo así que, sumados 20 anos desta convocatoria anual, xa todo un referente para o outono cultural nas terras da Arousa e temporalmente nas de Compostela, convidámolos/convidámolas a participar activamente e asistir como público.