
CAMPAÑA EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS
- No día 24 de novembro, no teatro cine Elma imos ver, falar, debater e reflexionar sobre “O machismo que non se ve”. Neste acto, que estará moderado pola periodista Sara Torreiro, participará a cidadanía, persoas de distintos colectivos para daren a súa opinión e visión do problema da violencia de xénero, micromachismos, estereotipos de xénero etc.
Ademais, nese mesmo acto darémo-los premios do I CONCURSO DE RELATOS CURTOS “HISTORIAS DE MULLERES”, tanto na categoría xuvenil coma na adulta, organizado polo Concello da Pobra do Caramiñal e a Asociación ABAS.
No acto terémo-la actuación musical do grupo AGORAPHOBIA en acústico.
- Tódolos edificios públicos do Concello da Pobra do Caramiñal teñen pancartas ou lonas, así como cartelaría para amosa-la repulsa contra as violencias machistas, e sensibilizar e visibiliza-lo problema que sofren moitas mulleres.
- Nos estabelementos comerciais e hosteleiros do concello que quixeron sumarse á campaña, repartíronse carteis, identificadores e camisetas.
- Nos colexios públicos de primaria e infantil repartiuse cartelaría e unhas tarxetas postais da campaña En Negro contra as Violencias. O alumnado terá que escribir unha mensaxe contra a violencia, ben a través dun texto/frase, ou debuxo, e enviala a quen queira. Na tarxeta postal indícase que a persoa que a reciba pode compartila nas súas redes sociais, co obxectivo de que as mensaxes que escriba o alumnado poidan chegar ó maior número de persoas e así concienciar e sensibiliza-la cidadanía.
- A praza de abastos da Pobra tamén será un lugar onde se seguirá a campaña: neste caso será con cartelaría por toda a praza, identificadores e con mandís.
- No IES da Pobra teñen ó seu dispor cartelaría e xogos de rol, e repartirase entre o alumnado pulseiras, chapas e bolsas.