CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN: castración e marcaxe do teu animal
O Concello da Pobra do Caramiñal, por proposta da Protectora Moura, quere realizar unha nova campaña para a castración e a marcaxe de animais domésticos (cans, cadelas, gatos e gatas).
Para fomenta-la castración e a marcaxe (colocación do chip) dos animais, durante todo o MES DE MARZO DE 2019 vai haber prezos reducidos na consulta veterinaria indicada no cartel.
Para podelo facer, só hai que chamar ó 981-842784 da dita consulta veterinaria e concerta-la cita.
A castración destes animais facilita que non haxa camadas non desexadas que acaben con animais abandonados. A marcaxe dos animais facilita a localización das persoas propietarias no caso de perda. Esta marcaxe é o que se coñece coloquialmente como *“chipeado”, ou colocación do chip necesario: consiste sinxelamente en inserir debaixo da pel do animal un pequeno chip de lectura electrónica. A súa colocación é indolora e sempre se fai por parte de persoal veterinario.
Ademais, no artigo 12 da lei galega correspondente, a Lei 4/2017, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía, aparece recollida como obriga a identificación dos animais DA ESPECIE CANINA SEN EXCEPCIÓN. O animal deberá ser identificado dentro dos seus tres primeiros meses de vida e, en todo o caso, antes de ser obxecto de transmisión.
O mesmo artigo da lei recolle que a identificación comprende o sistema de marcaxe legalmente estabelecido, a expedición do correspondente documento de identificación ou pasaporte nos casos en que corresponder, e a inscrición do animal no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (REGIAC).
No artigo 39 da dita Lei 4/2017 aparecen as infraccións graves, entre as cales está a non identificación dos animais, se é obrigatoria, e no artigo 41 aparecen rexistradas as sancións pecuniarias para estas infraccións graves, con multas de 501 a 5 000 euros.
Así que, por responsabilidade e legalidade con eles/as, cástraos/as e márcaos/as!!