Sensibilización medioambiental: a roupa como residuo
O Concello da Pobra do Caramiñal desenvolveu, a través da ONG Humana, actividades de sensibilización e educación ambiental sobre os residuos téxtiles.
As actividades realizáronse no CEP Salustiano Rey Eiras e no CEP Pilar Maestú Sierra nos días 27 e 28 de marzo de 2019 respectivamente, e consistiron en obradoiros de creatividade con materiais téxtiles reutilizados: en concreto, nun obradoiro de bolsos sustentábeis a partir de camisetas reutilizadas.
Ó mesmo tempo, incidiuse na idea de considera-la roupa usada como outro tipo de residuo, onde o importante é aplica-la regra dos 3 R (Redución do volume de residuos; Reutilización da roupa en bo estado; Reciclaxe das prendas que se poden aproveitar como materia prima).
No concello existen contedores para o depósito deste tipo de residuos en diversos puntos.
É IMPORTANTE LEMBRAR QUE NESTES CONTEDORES PODE IR
ROUPA EN BO ESTADO E ROUPA ROTA OU ESTRAGADA.
Segundo o seu estado seguirán vías de reutilización e reciclaxe diferentes.
A separación selectiva deste tipo de residuos diminúe a porcentaxe de materiais impropios que chegan ós contedores doutros residuos, e, polo tanto, aumenta a eficacia da recollida separada dos distintos tipos de residuos que se orixinan no municipio.
Achéganse fotografías da rapazada neste obradoiro de reciclaxe creativa.