Praxinoscopio-teatro: peza do mes (maio 2019),Museo Valle-Inclán
PRAXINOSCOPIO – TEATRO
Breyet SGDC, marca de Émile Reynaud
Caixa de madeira enteada, aparello de metal, espellos e papel
37 (longo) x 25 (ancho) x 32 (alto) cm
París, 1879
Restaurado, 2006
“PRAXINOSCOPE-THÉÂTRE / BREYET SGDC. FRANCE. L´ÉTRANGER / PARIS”. Etiqueta: “LE PRAXINOSCOPE. NOUVEAU JOUET D´OPTIQUE PRODUISANT L´ILLUSION DU MOVEMENT. / PRAXINOSCOPE – JOUET / PRAXINOSCOPE MINIATURE / MENTION HONORABLE Á L´EXPOSITION UNIVERLE. DE 1878 // PRAXINOSCOPE THÉÂTRE / PRODUISANT DE MERVEILLEUX / TABLEAUX VIVANTS. / MÉDAILLE D´ARGENT / EXPOSITION INTERLE. / PARIS 1879“
Dos fondos conservados por esta institución, esperta especial curiosidade entre o público a colección de aparellos precinematográficos, serie de enxeños mecánicos creados ó propósito dos avances que se producían na ciencia para explora-las posibilidades do uso de imaxes en movemento ou proxectadas a través dun foco de luz artificial; artefactos moi populares en círculos recreativos, centros escolares e fogares da burguesía no tránsito dos séculos XIX a XX. Comercializados a escala industrial, pasaron de ser meros divertimentos a servir de ferramentas útiles para democratizaren a divulgación pedagóxica e, sobre todo, para as actividades de lecer, que exhibían á sociedade as curiosidades das distintas civilizacións e as novidades dun “novo mundo”, da globalización e dos progresos da modernidade.
En 1866 nace Ramón del Valle-Inclán Peña, quen décadas despois e por sucesivos méritos literarios non temperáns se incorpora á nómina de ilustres artistas con ecos de universalidade, os da fama de creador das letras atlánticas a nivel internacional. A infancia e adolescencia do futuro escritor, un neno nado no seo dunha familia acomodada, coincide co período daquela efervescencia de xogos ópticos de tanta aceptación entre o público; aparellos que, como o zootropo, o praxinoscopio ou as lanternas máxicas, son os precedentes da máquina de cine e das proxeccións de cinema posteriores. Cabe pois valora-la influencia desta sorte de equipos na formación persoal dun autor que, como sucedía cos efectos mediáticos daqueles, escrebe ficcións para unha narrativa e un teatro de “éxitos futuros”, por un estilo, acción, elenco, presentación e posta en escena tan modernas.
En 1876, só dez anos despois do natalicio de Valle-Inclán, Charles-Émile Reynaud crea o praxinoscopio, do grego praxis (movemento) e skopein (mirar), polo que é recoñecido como pioneiro do cine de animación. Este museo exhibe un praxinoscopio-teatro ou teatro óptico resultado do perfeccionamento do mecanismo primitivo; orixinal fabricado en París por Breyet SGDC, marca empregada polo inventor, premiado na Exposición Universal de 1878 e na Exposición Internacional de 1879. Está formado por unha caixa pregábel e un tambor circular xiratorio montado nun eixo. No interior dese tambor hai unha cara cuberta de espellos fronte ós cales se sitúa unha tira de papel con series de imaxes debuxadas sobre fondo negro. O/a espectador/a mira dende fóra a través dunha mira aberta na caixa, a modo de visor, e grazas ó movemento realizado por acción manual, os debuxos reflicten a impresión de estaren animados sobre os espellos.