Peto de ánimas do séc. XVIII: peza do mes no Museo Valle-Inclán
Procedente da desaparecida capela de Ánimas, despois dedicada á Venérabel Orde Terceira
(Madeira, ferro, pigmentos, verniz)
35 x 19 x 23.2 cm
Séc. XVIII
Esta peza pasou a formar parte da nosa colección estábel no ano 2000 e trátase dun dos tres petos de ánimas que conservamos no museo. Está formado por unha caixa con pé e unha tapa superior móbil cunha rañura no centro. Na parte dianteira pódese ver unha fenda que fai parte do mecanismo de peche. A modo de retablo, na parte posterior, colocouse unha peza de madeira vertical en que hai tallado un dosel de pano vermello con bordo dourado, sostido por pilastras, que enmarca unha pequena imaxe de santo Antonio de Padua. O santo é representado aquí como un mozo imberbe con tonsura e hábito franciscano, sostendo o neno Xesús (moi deteriorado) en alusión á aparición deste mentres oraba na súa cela. No reverso leva fixada unha asa vertical.
A partir do Concilio de Trento (1545-1563) e o recoñecemento á existencia do purgatorio, o culto ás ánimas espállase rapidamente, desenvolvéndose o seu coñecido tipo iconográfico de personaxes espidos entre lapas de lume, que a miúdo aparecen acompañados de advocacións á Virxe, san Miguel ou santo Antonio, como as grandes figuras intercesoras.
Sendo a maioría delas de construción popular ou vinculadas á existencia de confrarías, este culto adoita estar asociado con pequenas capelas, altares e cruceiros, posto que con frecuencia se sitúan en lugares de tránsito: pontes, encrucilladas, entradas e saídas das poboacións… Alí onde quen viaxaba puidese deterse para entrega-la súa esmola e rogar a Deus por estas almas, congraciándose de paso coa veciñanza, xa que estes cartos eran empregados para diversas obras pías.
A finais do século XIX a escritora Emilia Pardo Bazán recollía, con certo desagrado, o costume de reutilizar e repintar de vivas cores esculturas e retablos. Na nosa peza do mes advírtese, de feito, o contraste entre a execución coidada da escultura e a simplicidade da caixa das esmolas. Pero do que nos fala este uso continuado é do arraigamento do culto ás ánimas como unha das máis importantes formas de relixiosidade popular na Galiza, baseado na tradición ancestral do culto ás persoas defuntas e a idea de indulxencia, en que se estabelece unha relación de solidariedade entre persoas vivas e mortas en forma de esmolas.