Concurso literario da EGAP polo Día das Letras Galegas para tódalas nenas e nenos galegos: prazo ata 21 de febreiro de 2020
O SNL (Servizo de Normalización Lingüística) do Concello da Pobra do Caramiñal informa de que a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), organismo autónomo adscrito á Xunta, o cal ten legalmente como un dos seus obxectivos fundacionais a difusión e normalización da lingua galega,
convoca o seu concurso literario infantil e xuvenil en galego de tódolos anos, con motivo do Día das Letras Galegas, que se celebra tódolos 17 de maio dende 1963 (data do centenario da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro) e que desta volta estará dedicado a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990), membro numerario da Real Academia Galega (RAG) dende 17 de maio de 1958; primeiro profesor da universidade galega das materias de Lingua e Literatura Galegas; e, ademais, foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas que tivo a universidade galega (1972).
Segundo a RAG, “a súa erudita Historia da literatura contemporánea galega (1963) é o esforzo de sistematización da nosa literatura máis ambicioso e significativo da segunda metade do século XX”.
A súa obra narrativa A xente da Barreira (1951) é a primeira novela publicada en galego na posguerra.
No concurso poderán participar tódalas nenas e nenos galegos entre 9 e 11 anos ou ben entre 12 e 14 anos.
Para cada unha destas categorías haberá un 1.º premio (250 euros), un 2.º premio (200 euros) e mais un 3.º premio (150 euros).
Poderanse presentar tamén contos premiados con anterioridade por todo o tipo de organismos públicos ou privados, salvo pola propia EGAP.
O xurado, á hora de avalia-los textos concursantes, terá en conta os seguintes criterios de valoración:
a) Calidade literaria: 15 puntos
b) Orixinalidade: 15 puntos
c) Valores relacionados coa nosa cultura e país: 8 puntos
d) Coidado da lingua galega: 12 puntos
O prazo permanecerá aberto ata 21 de febreiro de 2020.
Nas bases reguladoras completas (DOG de 21 de xaneiro de 2020), poden consulta-la forma e lugares de presentación, así como a documentación que hai que entregar.
Así mesmo, poden solicitar máis información, así como axuda personalizada para presenta-la documentación e os textos con que se queira concursar, no Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello da Pobra do Caramiñal, sito na casa consistorial (981 84 32 80, extensión 2013).
https://egap.xunta.gal/fichanova/id/3193
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200121/AnuncioO150-231219-0001_gl.html
(Foto de 1966 do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020, Ricardo Carvalho Calero, publicada pola RAG en www.academia.gal)