As praias pobrenses dos Areos, da Barca, da Corna, da Illa, da Lombiña e dos Raposiños, con augas EXCELENTES segundo as autoridades sanitarias
O Ministerio da Sanidade publicou unha guía sobre recomendacións para a apertura de praias e zonas de baño trala crise do Covid-19. Recolle a seguinte información:
“O risco de exposición ó SARSCoV-2 nas augas de baño podería aumentar pola contaminación da auga bruta polas ditas augas residuais sen depurar.”
Non obstante tamén indica o que segue:
“A Organización Mundial da Saúde recentemente sinalou que o risco debido ó Covid-19 no baño recreativo está máis relacionado co baixo respecto do distanciamento social e menos co virus na auga”.
Por último, tamén afirma o que se indica a seguir:
“Se existe contaminación fecal a presenza destas bacterias indicaríao, polo cal non serían necesarias determinacións adicionais por motivo do SARS-CoV-2.”
Pois ben, os resultados para as praias máis importantes do noso concello (por tamaño e afluencia de persoas) volven ser, un ano máis, moi bos canto á calidade das augas dende o punto de vista sanitario: a cualificación acadada é en todas de EXCELENTE. Polo tanto o risco de contaxio por esta vía é moi baixo, por non dicir inexistente, nestes areais.
Existe aínda algún punto negro na nosa costa, pendente de solucionar. Un está na Ribeiriña, na punta Toxal, polo tanto o baño non está recomendado preto desa zona.
Tamén nos días de choivas intensas pode producirse unha evacuación directa ó mar de augas sen depurar, a través dos aliviadoiros que impiden o colapso do noso sistema de saneamento. Existen en toda a rede e poden afectar puntualmente algunhas praias. Aínda así o risco de contaxio é moi baixo, pero como medida de precaución adicional, de se producir esta circunstancia, será mellor deixar pasar como mínimo 12 horas entre o fenómeno meteorolóxico intenso e o baño.