
Unha nova edición do Camiños de Coñecemento e Experiencia oferta na Pobra tres novos seminarios
O programa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Camiños de Coñecemento e Experiencia regresa por terceiro ano consecutivo ao municipio da Pobra, presentándolle á veciñanza maior de 50 anos unha atractiva oferta formativa. O alcalde Xosé Lois Piñeiro, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e a técnica da mesma área, Fita Sanisidro, encargáronse de detalla-lo contido desta proposta.
Trátase dun programa que se desenvolverá ao longo do mes de setembro, englobando tres seminarios das seguintes temáticas: criminoloxía, educación e teatro. Cada un constará dunha sesión teórica e outra práctica.
Deste xeito, o martes 22 terá lugar o seminario Introdución á criminoloxía. A criminoloxía e a política criminal a cargo de Ana Moure Soengas, da Facultade de Ciencias Políticas (USC). Volverá no día seguinte cun obradoiro práctico e análise dunha pegada dixital.
O xoves 24 será a quenda de Diana Priegue Caamaño e Cristina Varela Portela, da Facultade de Ciencias da Educación (USC), co seminario Estilos educativos parentais. No venres 25 realizarase a parte práctica.
Beatriz Porrúa Refojo, do Programa Universitario de Maiores IV Ciclo (USC), será a encargada de impartir Seminario Teatro. A construción do personaxe o luns 28, que proseguirá no martes 29 coa súa parte práctica a través dun obradoiro.
O curso concluirá coa tradicional entrega de diplomas en Santiago nunha data aínda por determinar, incluíndo algunha cita cultural.
Tódalas actividades terán lugar en horario de 16.30 a 18.00 horas, sen determinar, polo de agora, o lugar onde se desenvolverán as clases debido á situación xerada pola COVID-19. Este último aspecto dependerá do número de persoas inscritas, polo cal se apuntan como posibilidades a aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal ou o Auditorio do Museo Valle-Inclán. Unha vez se dispoña do número total de prazas cubertas, comunicaráselles ás persoas participantes o espazo finalmente elixido.
A matrícula é gratuíta, dispoñendo dun límite de 25 prazas. As persoas interesadas poden formaliza-la súa inscrición na casa da cultura Raquel Fernández Soler, co teléfono de contacto 981831545.
Tal e como indicou a edil Patricia Lojo, o obxectivo desta proposta é “a democratización do coñecemento, potenciando e difundindo o coñecemento científico a toda a poboación maior de 50 anos”. Pola súa parte, Fita Sanisidro salientou que son “charlas moi dinámicas e participativas, acompañadas dun obradoiro práctico” e enfocadas na vida cotiá. Finalmente, o rexedor Xosé Lois Piñeiro expresou o seu agradecemento á Universidade de Santiago de Compostela (USC), á Deputación da Coruña e á Xunta por ofrecer esta actividade, a cal conta co apoio do Concello porque “funciona e ten ese valor engadido de formación para a xente maior de 50 anos”, ademais de ser moi demandada pola veciñanza.