O Concello da Pobra avoga por unhas actividades seguras para o Nazareno
A festividade do Nazareno chega á Pobra do Caramiñal dende 18 ata 21 de setembro con diversas actividades cunha vertente cultural e gastronómica, nas cales primará a seguridade por segui-lo protocolo e as medidas implantadas por mor da COVID-19, do mesmo xeito que sucederá para a xornada do domingo 20, día do Nazareno, para o cal se artellou un amplo dispositivo para garanti-la seguridade e saúde públicas. Ademais, disporanse cadeiras en tódolos eventos, para controla-la cabida, e procederase á desinfección dos espazos e mobiliario cando conclúa cada un. Ó acto de presentación asistiron o alcalde Xosé Lois Piñeiro, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo e a súa homóloga do Turismo e Promoción Económica, Charo Varela.
O mandatario local manifestou que as actividades se desenvolverán “baixo unhas condicións de seguridade estritas”, polo cal será obrigatorio o cumprimento das medidas fronte ó coronavirus ó tempo que se controlará e vixiará que así sexa. Nesta liña, apuntou que “as actividades controladas son as que non dan problemas e as que mellor resultan”, razón pola cal se propoñen para esta fin de semana.
Na súa intervención, a edil Patricia Lojo expresou que resulta necesario defende-lo mundo artístico devolvéndolle todo o que achegou ata agora, constituíndo esta “a maneira de defende-la cultura” porque “apoia-la cultura tamén é apoia-la riqueza e unha parte da economía.” Así, neste venres 18 terá lugar a actuación de Broken Peach no Cantón da Leña, con dúas sesións: a primeira ás 21.00 horas e, a segunda, ás 22.45 horas. Trátase dun grupo que fusiona música e espectáculo, interpretando varios estilos. Na xornada de sábado 19, será a quenda de Millo Miúdo (gañador do certame Interritmos Sons no Rural organizado pola asociación de desenvolvemento local DELOA), ás 13.30 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán, e, a partir das 20.30 horas, toca ruada de música e baile tradicional con Arrancadeira (da Covecha ata os Xardíns), Os Caraveiros (do paseo dos Areos ata o Cantón da Leña) e Trécola (da rúa da Feira á praza de Maura). E tamén o grupo Puzzle, a través do Servizo de Normalización Lingüística municipal e mais da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta (á cal o Concello da Pobra do Caramiñal pertence dende 2019), ofrecerá un repertorio musical festivo en galego no Cantón da Leña, ás 21.30 horas.
Xa no domingo 20, celebraranse misas na igrexa de Santiago do Deán (08.00, 09.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas), coa cabida limitada a 120 persoas, e tres oficios na praza Alcalde Segundo Durán (ás 10.00, 11.30 e 13.15 horas). No que respecta ó acceso á praza, será mediante unha entrada con código QR. Estes tíckets distribuiranse a través do enderezo electrónico nazarenoentradas2020@gmail.com, no propio Concello, e tamén haberá unha persoa voluntaria da Protección Civil, quen as repartirá á saída da novena no propio templo. Será preciso facilita-lo nome, os apelidos e o número de teléfono, ademais de especificar a que misa se asistirá das que se desenvolverán no exterior. O obxectivo é non supera-lo límite e ter un rexistro de quen está en todo momento no lugar. Non obstante, retransmitirase en directo o oficio das 13.15 horas a través do Canal Barbanza e en streaming pola canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal, ofrecendo outra alternativa á presenza en persoa. O toque musical da xornada virá da man de Setestrelo, na praza Alcalde Segundo Durán, ás 20.00 horas, co espectáculo O Camiño, enmarcado no programa Cultura no Camiño, da Xunta, e que presentará un percorrido polas diversas rutas galegas que conducen a Santiago. Deste xeito, as persoas asistentes poderán vivi-la fantasía de face-lo Camiño de Santiago dende unha cadeira ó tempo que se pon en valor a música tradicional.
Finalmente, no luns 21, festivo local, haberá alboradas no rural, concretamente nas parroquias do Xobre, de Santa Cruz e de Santo Isidro, a partir das 10.00 horas con Arrancadeira, Os Caraveiros e Trécola. E Circanelo traerá o seu espectáculo infantil ó Cantón da Leña, ás 18.30 horas. A dita acción tamén se adscribe ó programa Cultura no Camiño, da Xunta.
Pola súa parte, a concelleira Charo Varela explicou que se proxectou, baseándose na implicación do Concello co sector comercial e hostaleiro, para ese mesmo luns 21, en horario de mañá e tarde, a actividade Cociñando nas prazas con Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro), consistente nun showcooking e o posterior repartimento de tapas polos estabelecementos hostaleiros. No total, distribuiranse 920 petiscos, elaborados con produto local, nas propias mesas das terrazas dos locais inscritos (unha vintena na contorna de diversos espazos: praza Victoriano García Martí, praza de Maura, paseo dos Areos, praza Paulino Santos Mieites e praza Valle-Inclán) para que a degustación sexa controlada. No caso de choiva, adiarase para outra ocasión.