Inauguradas as Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán
O Museo Valle-Inclán pobrense foi escenario na tarde deste venres 16 da inauguración da vixésimo segunda edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, cando se procedeu coa apertura da exposición Voces de Gesta. Tragedia pastoril. E, co gallo desta mostra, abriuse ao público a sala Iconografía Contemporánea. Entre as persoas asistentes figuraron o investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina, membros da corporación municipal e representantes de institucións e do tecido asociativo cultural.
Ao comezo do acto, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, cualificou como “imprescindible” continuar facendo programación cultural e fixo fincapé en que “a cultura está viva e se se fai ben é segura”, ademais de apelar á responsabilidade das persoas para segui-las medidas sanitarias. Neste senso, animou a veciñanza a asistir para desfrutar das actividades “con tranquilidade.”
O director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, explicou que a dita exposición permanecerá ata que conclúa o ano 2020 e efectuaranse visitas comentadas para debulla-las características desta mostra, así como da serie completa de Siro López e Domingo Regueira, ademais doutros artistas que irán incorporando.
Voces de Gesta. Tragedia pastoril trátase dunha reimpresión de pranchas de gravado orixinais (1911) elaboradas por Ricardo Baroja, Ángel Vivanco, Rafael Penagos, Moyá del Pino, Anselmo Miguel Nieto, Aurelio Arteta e Julio Romero de Torres. Antonio González tamén expresou o seu agradecemento a Xaquín del Valle-Inclán Alsina, propietario das pranchas orixinais, polo seu ofrecemento e a Manuel Quiñoy Zas, titular da San Martín Imprenta, polo seu labor para a reimpresión de gravados que teñen máis de 110 anos, pois as maquinarias xa non son as mesmas. Neste senso, expuxo que a referida serie “pretende traslada-lo traballo que ten que facer un libro ilustrado a principios do século XX”, o cal se compón principalmente de pranchas de lámina completa, orlas, letras capitulares e outro tipo de motivos.
Na súa intervención, Manuel Quiñoy manifestou que foi “un orgullo e unha satisfacción moi grande” encargarse do traballo de impresión, o cal é longo e comprende a limpeza dos clixés, axustalos, pasalos á máquina e facer comprobacións e correccións, entre outros aspectos.
Pola súa parte, o secretario xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo, deu traslado do apoio por parte da Xunta ademais de agradece-lo esforzo por parte do Concello da Pobra do Caramiñal para impulsar esta programación. Así mesmo, insistiu en que “a cultura é unha actividade segura, que tódolos programadores están poñendo plans de continxencia” e sinalou que resulta preciso “facer da cultura un recinto, unha actividade e un espazo seguro e anima-las persoas a que volvan ás actividades presenciais coas capacidades que a autoridade sanitaria permita.”
O rexedor foi o encargado de pecha-la quenda de intervencións; deu as grazas a tódalas persoas e entidades que fixeron posibles estas xornadas e avogou pola posta en valor da figura e legado de Valle-Inclán. Do mesmo xeito, salientou o patrimonio con que conta A Pobra, o cal amosaron ao secretario xeral da Cultura, nesta ocasión, a través dunha visita ao pazo do Couto.
O programa deste evento está composto por un amplo e plural abano de actividades para tódolos públicos que se desenvolverán dende o día 16 ao 31 de outubro, incluíndo teatro, exposición, unha ofrenda cívica ou conferencias, entre outras. Tódalas citas transcorrerán seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal as persoas interesadas en asistir deberán formaliza-la súa reserva a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2014, en horario de 09.00 a 14.00 horas.