
Continúan dispoñíbeis entradas para os dous espectáculos de dinamización lingüística que terán lugar no Elma
No mes de novembro transcorrerán no Elma dúas actividades enmarcadas no programa de dinamización lingüística FalaRedes 2020 da Secretaría Xeral da Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), á cal o Concello da Pobra do Caramiñal pertence dende hai un ano a través do seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL). Así o deron a coñecer na tarde de 22 de outubro o concelleiro da Normalización Lingüística, Xabier Santos (BNG), e a técnica do referido servizo, Paula Alexandre Teixeiro.
O edil encargouse de debulla-lo contido de ámbalas citas, ademais dos seus obxectivos: fomenta-lo uso da lingua galega, especialmente, entre a mocidade; dar a coñece-la tradición oral; e pasar tempo de lecer.
O espectáculo Contos no Camiño chega ó teatro cine Elma no 1 de novembro, ás 18.30 horas, e consiste nunha función de narrativa oral “de primeiro nivel”, onde tres contadores e contadoras galegas -Xurxo Souto, Beatriz Campos e Quico Cadaval- comparten escenario cun guión inspirado no Camiño de Santiago, baseado en lendas e historias singulares, sen esquece-lo humor.
Por outra banda, a compañía A Cova das Letras traerá ás 18.30 horas do día 19 de novembro, tamén no Elma, o espectáculo Polo Camiño, contos da feira, unha proposta para a cal se empregan monicreques de luva e de táboa e que se basea na tradición oral galega e mais noutras literaturas populares para narra-la historia dunha feira na cal conflúen seis personaxes que, cos seus contos e cantos, fan voa-la imaxinación do público: a fotógrafa minuteira, o fistor, Pepa a Loba, Pepa das Mulas, o vendedor de tarabelas e a posticeira.
Pola súa banda, a técnica do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) apuntou que, dende que o Concello se adherise á Rede de Dinamización Lingüística (RDL), estes son o quinto e sexto eventos que se realizan en colaboración coa Xunta neste eido. Así mesmo, indicou que estes actos se atopan estreitamente ligados á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero, e de que a Real Academia Galega (RAG) adiou a parte presencial ata o día 31 de outubro por mor da situación derivada do coronavirus.
As actividades son de balde e aptas para tódolos públicos. Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal se aconsella a reserva previa da entrada a través do teléfono de contacto 676666263, ben sexa chamando ou por whatsapp. A fin do prazo da inscrición é ás 16.00 horas do propio día dos eventos.