O goberno municipal busca unha solución á situación do servizo de pediatría no centro de saúde
O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira da Sanidade, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), desprazáronse nesta mañá ata as inmediacións do centro de saúde da Pobra do Caramiñal cunha representación do PSdeG-PSOE no Parlamento galego: Julio Torrado Quintela, voceiro da Sanidade; e Noa Díaz Varela, deputada autonómica pola provincia da Coruña. O motivo foi dar traslado da situación do servizo de pediatría, no cal, segundo explicaron, atende en horario de mañá un doutor que presta atención pola tarde en Boiro, pois a especialista que conta coa praza no ambulatorio pobrense está actualmente de baixa. E a partir do 11 de xaneiro o referido doutor collerá vacacións, polo cal as crianzas menores de 3 anos deberán ser atendidas no de Ribeira ou Boiro, mentres que os cativos e cativas con idades superiores á indicada serán asumidos pola médica ou médico de cabeceira das persoas proxenitoras correspondentes.
Por esta razón, tanto a edil coma o rexedor expresaron que dende o Concello se está na busca dunha solución coa Administración autonómica, pois Patricia Lojo sinalou que esta situación “supón un problema para tódalas familias con nenos e nenas.” Na súa intervención, o mandatario local indicou que se trata “dun tema recorrente case tódolos anos porque o servizo de pediatría se volve deficitario en moitos concellos de Galicia cando chega o período de vacacións ou se produce unha baixa.” Neste senso, incidiu en que tentará soluciona-la referida circunstancia.
En representación da delegación do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE que se desprazou ata o municipio, o voceiro da Sanidade, Julio Torrado Quintela, manifestou que “a realidade do centro de saúde da Pobra é paradigmática e clara do que está pasando no sistema sanitario de Galicia dende hai moito tempo” e anunciou que levarán ao Parlamento galego unha serie de iniciativas a este respecto para “especificamente falar da situación da Pobra do Caramiñal e demanda-la necesidade, neste caso, de que a atención de pediatría non se perda.”
Así mesmo, o alcalde e a concelleira mantiveron neste mesmo mediodía contacto cun representante da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, dende onde se ofreceu como primeira opción a de mandar un doutor/doutora unha ou dúas tardes á semana, se ben se continuará buscando outra solución máis estable.