Presentados os proxectos da Pobra para incluír no POS+2021
O goberno pobrense avanzou no mediodía de onte, martes 2, os proxectos que se enmarcarán no Plan Único (POS+2021) da Deputación da Coruña, polo cal corresponderán ó Concello 318 971’08 euros. Segundo explicou a concelleira da Facenda, Charo Varela (Nós Pobra), esta contía destinarase a varias actuacións no municipio, sen necesidade de dedicar ningunha cantidade para o pagamento a provedores ou provedoras, pois afirmou que non existen débedas neste eido. Máis polo miúdo, explicou que se dedicarán 187 241’34 euros ó financiamento de gastos correntes; 87 148’47 euros irán a investimentos financeiramente sostibles, ós cales hai que suma-los 42 098’01 euros proporcionados pola Administración local; e 44 581’27 euros serán para a redución da débeda con entidades financeiras. No que respecta ó Plan Complementario, indicou que se participará coa reforma e ampliación do centro sociocultural do Camiño Ancho polo valor de 297 261’39 euros.
Seguidamente a súa homóloga dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), detallou que os 113 479’60 euros do apartado específico vinculado ó financiamento dos gastos sociais extraordinarios se distribúen da seguinte maneira: 15 000 euros para axuda de emerxencia, a cal consiste nun pagamento único para situacións transitorias de necesidade; 30 000 euros á compra de alimentos, reforzando o actual servizo para a veciñanza máis vulnerable do concello; 30 000 euros para a adquisición de medios de prevención contra a COVID-19, principalmente destinados para as persoas traballadoras deste departamento; 12 000 euros para o alugueiro dunha vivenda de emerxencia; e 43 800 euros para un comedor sobre rodas, o cal consistirá en leva-lo xantar á casa daquela veciñanza que o precise e solicite, ademais de ter que cumprir unha serie de requisitos nos cales xa está traballando actualmente o equipo técnico. Rematou a súa intervención expoñendo que “son unha batería de accións que supoñen un pulo e unha aposta bastante importante deste goberno polos Servizos Sociais.”
Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), destacou os tres proxectos adscritos a investimentos financeiramente sostibles. Primeiramente, focalizouse na mellora da accesibilidade ó parque infantil do Camiño Ancho por 33 006’57 euros (23 148’47 por parte da institución provincial e 9 858’10 da Administración local) para, posteriormente, debulla-la rehabilitación do parque infantil da praia da Lombiña, unha actuación “moi demandada pola veciñanza da zona.” Constará dunha área con caucho e dotarase de novo mobiliario e xogos para as crianzas, o cal comporta un importe de 48 060’72 euros (32 000 da Deputación e 16 060’72 do Concello). E, finalmente, a dotación da rede de pluviais e pavimentación en Tarrío, cun orzamento de 48 179’19 euros (32 000 do ente provincial e 16 179’19 da Administración local). Canto a estas intervencións, aclarou que non requiren licitación, polo cal se axilizará a tramitación e, en consecuencia, a súa execución.
Por último, a edil da Sanidade, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), salientou que o referido plan permitirá levar a cabo unha serie de medidas “necesarias e demandadas polos nosos veciños e veciñas.” Neste senso, declarou que entende como “moi importante” fortalece-lo orzamento do gasto corrente ante a incerteza debido á situación sanitaria ocasionada polo coronavirus. Así mesmo, anunciou que esta achega económica por parte da Deputación permitirá dotar de crédito as partidas da Concellaría da Cultura para executar accións nesta Área.
Estas cuestións figuran na orde do día do pleno ordinario que terá lugar na tarde deste mércores 3.