A Pobra conmemora o Día Internacional da Muller cunha programación centrada na educación na igualdade
Baixo a premisa de incidir na importancia de ensina-la igualdade dende idades temperás, o Concello da Pobra do Caramiñal focaliza na educación a programación polo Día Internacional da Muller, no 8 de marzo. O lema escolleito para este ano é “A igualdade comeza pola educación”, polo cal gran parte das actividades se desenvolverá nos centros de ensino do municipio. Así o deron a coñecer no mediodía deste xoves 4 o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra).
A edil incidiu na relevancia desta data, pois “é moi importante visibilizar un movemento tan importante, que está medrando cada ano e que nos está apoderando.” Tamén apuntou que dende a Administración local se impulsan diversas propostas ao longo de todo ano, especialmente no presente mes.
Para o estudantado da educación secundaria obrigatoria (ESO) no instituto pobrense configuráronse os obradoiros Novas masculinidades, dirixida aos rapaces, e Apoderamento feminino, destinado ás rapazas. Serán un total de 28 sesións que se impartirán durante os meses de marzo e abril.
No que respecta ao alumnado da primaria no Salustiano Rey Eiras e no Pilar Maestú Sierra, na próxima semana comezará un xogo virtual e interactivo que consta de 30 preguntas sobre a igualdade.
E, para as e os escolares da educación infantil, Troskita ofrecerá contacontos pola igualdade.
Por outra banda, convídase toda a veciñanza a participar nunha manifestación virtual mediante a colocación na fiestra ou no balcón dunha pancarta ou mandil, publica-las fotos nas redes sociais e etiqueta-la Concellería Igualdade A Pobra e cinco amizades coa finalidade de que a mensaxe sexa difundida.
Así mesmo, para o propio 8 de marzo está prevista unha caravana feminista. O circuíto iniciarase ás 20.00 horas no paseo dos Areos para continuar pola rúa da Ponte, rúa Gasset, rúa da Paz, rúa Díaz de Rábago e rúa Anxo Rey Ballesteros. Concluirá no aparcadoiro do recheo, onde se levará a cabo a lectura do manifesto. As persoas asistentes deberán permanecer no interior dos seus vehículos co obxectivo de respecta-las medidas estabelecidas por mor da COVID-19. Contarase coa colaboración da Policía local e das persoas voluntarias da Protección Civil.
Pola súa parte, o rexedor manifestou que se artella así a programación “de forma diferente, pero que vai ser igual de reivindicativa.”
Cómpre indicar que as accións que terán lugar no ámbito educativo se atopan financiadas polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero e polo Ministerio da Igualdade. Ademais, a Administración local está adherida á campaña OitoM, Moito por cambiar, da Deputación da Coruña, a cal promove unha serie de espazos en liña (online) e apoia a mocidade no seu papel como axente de cambio.