O Museo Valle-Inclán impulsa a recuperación de clixés orixinais de obras do renomeado intelectual
Neste 18 de maio, Día Internacional dos Museos, deuse a coñece-lo proxecto en que se atopa inmerso o Museo de Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, o cal consiste na recuperación e impresión de clixés orixinais cos cales Ramón del Valle-Inclán editaba os seus títulos. Trátase, polo tanto, de deseños que se configuraron sobre pranchas metálicas para, posteriormente, plasmalos no papel. A sala Iconografía Contemporánea acolleu o acto de presentación, ao cal asistiron a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González; e o investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina.
A edil destacou a relevancia destas pezas que contan con aproximadamente un século de historia e para as cales se precisa maquinaria desa época co fin de logra-la súa reprodución en soporte papel. Tradúcense, así mesmo, nuns recursos de interese para conformar futuras exposicións e constitúen novo material para as persoas que se dedican á investigación, ademais de enriquece-lo labor divulgativo que se fai dende a institución museística.
Máis polo miúdo, o director do Museo Valle-Inclán explicou que se trata, fundamentalmente, de motivos ornamentais a través da técnica do fotogravado para trasladar unha serie de imaxes a revistas ilustradas da época e a primeiras edicións deste autor pertencente á xeración do 98.
Tamén houbo palabras de agradecemento a Xaquín del Valle-Inclán Alsina por ceder estas pezas da súa colección particular. Pola súa parte, o investigador focalizou a súa intervención nalgunhas das reproducións expostas no transcurso da presentación: unha das primeiras caricaturas coñecidas de Valle-Inclán publicadas na prensa un século atrás e un retrato de don Ramón del Valle Bermúdez, pai do intelectual de renome.