
Ofrenda cívica na Pobra para conmemora-la vida e obra de Valle-Inclán
O Cantón da Leña foi escenario neste mediodía da ofrenda cívica con motivo da vixésimo terceira edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán. Amenizada polo grupo de música tradicional Os Caraveiros, que percorreu con anterioridade varios espazos céntricos da vila, o acto incluíu a colocación de arranxos florais fronte á escultura do escritor e a interpretación a cargo de Mariló Ríos dun fragmento da obra O meu bisavó que fala da Torre de Bermúdez e da Pobra do Caramiñal.
Ademais de veciñanza e representantes do tecido asociativo, asistiron membros da corporación municipal e o investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina. Interviñeron a concelleira da Cultura e das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); o secretario xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo; e o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, quen indicou que “interésanos a parte galega” deste referente cultural a nivel internacional.
Doutra banda, o secretario xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor este outubro valleinclaniano, o cal contribúe a mante-la vixencia do legado e da figura de Valle-Inclán, polo que felicitou o Concello e a institución museística; unha cita que, segundo apuntou, “permite que, dende A Pobra e dende o resto da comarca, se faga esa reflexión sobre a importancia que Valle-Inclán ten e tivo na cultura realizada dende Galicia.” Rematou a súa intervención salientando a importancia de equipamentos culturais como é o caso da Torre de Bermúdez e trasladou o apoio da Xunta de Galicia a esta programación.
A edil Patricia Lojo puxo en valor a continuidade desta cita cultural coa cal contribuír á divulgación e posta en valor do literato, ofertando “unha programación feita dende A Pobra para A Pobra e para toda Galicia, como así puidemos constatar na boa acollida das diversas actividades.” Engadiu que se trata dunha convocatoria “especial” para a Concellaría da Cultura ao conmemora-lo centenario da segunda viaxe de Valle-Inclán e da obra Los cuernos de don Friolera, ademais de continuar conmemorando o centenario do título Luces de bohemia. Lembrou tamén que A Pobra e Vilanova de Arousa son dúas localidades arousás irmandadas polo ronsel valleinclaniano e expresou o seu agradecemento ao persoal do Concello, entidades e persoas involucradas no desenvolvemento desta singradura, así como á Secretaría Xeral da Cultura e ao investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina.
Unha vez rematado o acto, achegáronse ata unha das salas do Museo onde se expón Ramón del Valle-Inclán. Convidado especial da República de México.
A actual edición das xornadas concluirá nesta mesma fin de semana. Así, no sábado 30, Teatro En Punto procederá nas salas do Museo Valle-Inclán, ás 20.00 horas, coa función Palabras en Pedra, baseada en Mi hermana Antonia, El marqués de Bradomín e La lámpara maravillosa. A entrada é de balde ata completa-la cabida.