A Pobra estende a todo o mes de novembro as actividades polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal configura para o presente mes unha ampla programación con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no 25 de novembro. A finalidade destas accións é contribuír a unha sociedade máis igualitaria, así como concienciar e sensibilizar sobre a violencia de xénero para erradicar esta eiva social.
Un conxunto de actividades que “queren invitar ó debate, á reflexión e á toma de decisións”, segundo manifestou a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), quen engadiu que “a educación é o que vai dar lugar á transformación.” Acompañada da asesora xurídica á muller, María Pérez, a edil aproveitou a ocasión para presentar a Carolina Rodríguez, a axente de igualdade coa cal conta o Concello mediante unha achega parcial da Deputación da Coruña.
Neste 2021 lánzase o concurso Lemas ilustrados para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero, no cal se poderá participar ata as 15.00 horas do día 22. Os premios consistirán en bonos de compra na plataforma dixital www.deanshop.es, que sumarán 420 euros. As bases están ó dispor na páxina web www.apobra.gal.
O Auditorio do Museo Valle-Inclán albergará nos días 10 e 11 unhas xornadas formativas para persoal técnico do Concello e da Policía local, así como para persoal docente, no marco da Cátedra Extraordinaria de Valores Democráticos e de Xénero, impulsada polo Instituto de las Mujeres e a Universidad Complutense de Madrid.
Doutra banda, chega a sétima edición das Xornadas de Muller e Ciencia con tres coloquios a cargo de expertas cunha relevante traxectoria profesional no ámbito científico. O obxectivo destas charlas é visibiliza-la muller no mundo das ciencias e a importancia do seu traballo. Desenvolveranse no Auditorio do Museo Valle-Inclán. A primeira cita chega no venres 12, ás 19.00 horas, coa conferencia Nenas, enxeñaría e informática, da man de Beatriz Pérez Sánchez. No sábado 13, ás 18.30 horas, será a quenda de María Carreiro Otero con Xénero e desenvolvemento sostible, e, deseguido, ás 19.30 horas, virá O xénero como determinante social da saúde das mulleres, con María Jesús Movilla Fernández. Para favorece-la conciliación das persoas asistentes, configúrase para as crianzas un obradoiro STEAM (as siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) que terá lugar na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal neses días e comprendendo os horarios xa indicados. É preciso realiza-la inscrición mediante o teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 2508, antes das 14.00 horas do día 12.
Nos días 23, 25 e 26, transcorrerán accións orientadas a alumnado do IES da Pobra do Caramiñal: a charla Prevención do acoso nas redes, que ofrecerá a Garda Civil a 4.° da ESO; un taller de Educación Afectivo-Sexual, dirixido a 3.° da ESO e impartido ó abeiro do programa Quérote+, da Xunta de Galicia; e o obradoiro Acoso rueiro, destinado a 1.° de bacharelato da man da Fundación Mujeres. Tamén haberá o contacontos infantil Unha casa á medida para os/as escolares da educación infantil, polo cal percorrerá os colexios do municipio do día 15 ata o 19 de novembro.
Finalmente, no día 27 procederase co vídeo-palestra Violencia vicaria, que consistirá na proxección e charla coloquio da campaña DE FRONTE á violencia de xénero, da Deputación da Coruña, así como a entrega de premios do xa referido certame. Será ás 18.30 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.
Cómpre lembrar que a Administración local se atopa adherida á campaña DE FRONTE á violencia de xénero, impulsada pola Deputación da Coruña, ademais de formar parte da En negro contra as violencias, á cal leva subscrita varios anos.