Os cogomelos vólvense converter en protagonistas na Pobra
A Pobra do Caramiñal volve ser escenario dunha nova edición das Xornadas Micolóxicas. Seguindo o formato de anos anteriores, a programación desta quinta edición componse de conferencias, exposicións, unha saída ó campo, un concurso fotográfico, showcooking e degustación. As persoas encargadas de debulla-lo contido foron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra); e a técnica municipal desta área, Beatriz González, para o cal elixiron como escenario unha paraxe natural do municipio como é a carballeira da Silva.
As actividades desenvolveranse neste 2021 ata 21 de novembro. O conxunto dos coloquios transcorrerá nos días 17 e 19. A primeira conferencia consistirá nunha charla introdutoria sobre micoloxía, mentres que a segunda se titula Principais fungos micorrícicos comestibles das plantacións forestais galegas e técnicas de inoculación de planta micorrizada, impartida por Esteban Sinde Stompel, doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidente da empresa Hifas da Terra. Serán ás 20.30 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.
O groso do programa concentrarase no domingo 21. Primeiramente procederase cunha visita guiada polo campo da man de Esteban Sinde Stompel, en horario de 10.00 a 13.00 horas. Estipúlase un máximo de 20 persoas participantes e o traslado será en vehículos particulares. O mercado municipal albergará nesa mesma xornada unha exposición de cogomelos, a entrega dos premios ás persoas gañadoras do V Concurso Fotográfico de Micoloxía e o showcooking e degustación de cogomelos, a cargo de Miguel Mosteiro, de GastroLab, dende as 14.00 ata as 14.30 horas. Estipúlase un máximo de 30 persoas participantes, con preferencia para aquelas xa anotadas na saída ó campo.
Doutra banda, a casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler alberga unha mostra composta por imaxes do certame fotográfico de edicións anteriores. Permanecerá nas referidas instalacións municipais ata finais de mes. As visitas pódense realizar de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.
No que respecta ó concurso fotográfico, houbo 51 persoas inscritas. Destacaron a calidade das imaxes presentadas e referíronse, neste senso, á fotografía que resultou gañadora da cuarta edición e que ilustra o cartel. Os premios consistirán exclusivamente en bonos de compra na plataforma web www.deanshop.es e consideraranse tres galardóns con diferentes contías, que sumarán un total de 600 euros.
Tódalas actividades son de balde e requírese a inscrición previa para a charla do día 19, a saída ó campo e o showcooking e degustación. O enderezo electrónico habilitado para tal fin é medioambiente@apobra.gal.