Alumnado pobrense participou na reforestación dun espazo natural
Despois de que no pasado mes de xuño se acometese unha acción relativa ao aproveitamento madeireiro en dúas parcelas propiedade do Concello, próximas ao cámping do lugar de Cabío, actualmente estase procedendo coa reforestación necesaria nunha superficie total de 28712 metros cadrados co obxectivo de recuperar este espazo natural para desfrute de veciñanza e visitantes. Para tal fin, plantaranse un total de 350 árbores frondosas autóctonas tales coma carballos, castiñeiros ou cerdeiras, entre outras, cun porte adecuado para que arraiguen no terreo, ademais de que nun futuro, debido ás súas características, se pode converter nunha área micolóxica.
Ao abeiro desta intervención e para conciencia-las novas xeracións no respecto e coidado do entorno, a Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal desenvolveu neste 21 de xaneiro unha actividade con alumnado de 5° da primaria do CEP Salustiano Rey Eiras, ademais da colaboración da Protección Civil, que consistiu na plantación duns 150 exemplares do total. Segundo expuxo a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), trátase dunha “medida educativa e medioambiental para que as novas xeracións valoren este espazo e vexan medrar tódalas árbores que eles mesmos plantaron.” Nesta mesma liña, a técnica municipal da área, Beatriz González, indicou que se busca así “un vencellamento a esta área e que poidan desfrutar dela en tempos vindeiros”, ademais de que a elección de árbores caducifolias responde á Lei de prevención de incendios e ao atoparse en zona próxima á costa.
A empresa encargada de proporciona-las árbores e do acondicionamento do solo foi Xardinería Saborido, por un importe que ascendeu aos 7477 euros, IVE incluído.
Cómpre lembrar que a mencionada talla de piñeiros se efectuou en cumprimento da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, así como debido ao estado de deterioro que presentaban as especies existentes por insectos perforadores da madeira.