O goberno pobrense presenta os proxectos para incluír no POS+2022
O executivo da Pobra do Caramiñal deu conta no día de onte da proposta do conxunto de actuacións para enmarcar no Plan Único (POS+2022) da Deputación da Coruña, que se someterá ao pleno deste 9 de febreiro. Segundo explicou a concelleira da Facenda, Charo Varela (Nós Pobra), a contía asignada ao concello pobrense sitúase nos 254 995’05 euros, dos cales 164 531’60 euros se destinarán ao financiamento de gastos correntes; 12 339’87 euros para a redución da débeda con entidades financeiras; e 78 123’58 euros a investimentos financeiramente sostibles -cantidade que se completará con 18 591’56 euros proporcionados pola Administración local-.
No que respecta a isto último, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), destacou os proxectos adscritos: a dotación de pluviais e pavimentación na Figueira, por 48 341’41 euros, así como a pavimentación, mellora da accesibilidade e sinalización das rúas Manuel Murguía, Alexandre Bóveda e Rafael Dieste, por 48 373’73 euros.
Así mesmo, participarase no Plan Complementario mediante o acondicionamento da contorna do cruceiro de Abuín e coa terceira fase da reforma integral do Camiño Real por un valor que ascende aos 146 893’35 euros. A edil das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), centrouse no que suporá a intervención na zona do mencionado cruceiro, situado no rural e que se traducirá na humanización e mellora da seguridade arredor do elemento patrimonial por un importe de 41 420’67 euros: ampliación da estrada, colocación de lastros, dotación de bancos e zona verde. Pola súa parte, o rexedor centrouse no relativo ao Camiño Real por 105 472’68 euros: a pavimentación e a colocación de dous sistemas de bombeos na zona do Conchido, para canaliza-lo saneamento á depuradora da Pobra e separalo así do de Boiro, ao cal está actualmente conectado.
Doutra banda, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), indicou que a achega provincial de 57 586’06 euros do apartado específico vinculado aos gastos sociais se complementará con 15 691’94 euros procedentes das arcas municipais para financia-la continuidade do alugueiro e mantemento da vivenda de emerxencia social (unha contía total de 9 600 euros); axudas de emerxencia ás persoas soas ou familias en risco de exclusión social destinadas a asegurar unha correcta alimentación (30 000 euros); e o funcionamento do comedor sobre rodas (33 678 euros). Trátase dunha serie de accións xa postas en funcionamento para mellora-la calidade de vida da veciñanza máis vulnerable.