O Concello pobrense pon en marcha unha enquisa participativa para a elaboración do III Plan de igualdade
Co obxectivo de contribuír á consecución da plena igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal está inmersa no proceso de elaboración do III Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes (2022-2026).
A concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), puxo en valor este Plan, xa que manifestou que traslada “o compromiso real que ten un Concello coa igualdade” e que amosa o programa de traballo de aquí aos próximos catro anos, ademais de ser necesario contar cos recursos económicos e humanos para logra-los obxectivos marcados. Tamén informou de que o anterior Plan se baseaba en cinco áreas de intervención (educación e formación en igualdade; conciliación e corresponsabilidade; prevención e tratamento da violencia de xénero; información e participación activa; e saúde e benestar social), o cal se traduciu no impulso de numerosos proxectos, como o Plan Madruga, o apoio aos comedores escolares, a educación para a igualdade nos centros educativos ou as Xornadas de Muller e Ciencia, entre outros.
Neste momento, a elaboración do III Plan atópase na fase de participación social, polo cal se abre un proceso participativo en que a veciñanza da Pobra poida expo-las súas demandas e necesidades reais en materia de igualdade. Con esta finalidade, preséntase unha enquisa anónima que estará á disposición ata o día 4 de abril na páxina web www.apobra.gal, nas redes sociais e, en formato papel, no rexistro xeral do Concello. A ligazón ao formulario online é a seguinte: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScSlBuQmVP7lFRv-N3ib8F_8vBJ-aYgw_0DpZBa3sc0ggTsKA/viewform. Consta de 33 preguntas que permitirá identifica-las demandas e necesidades da poboación en canto á conciliación, a violencia de xénero, a igualdade, a formación en igualdade e a participación social de mulleres e homes da Pobra nos diferentes ámbitos. Así mesmo, están configuradas outras enquisas dirixidas a colectivos específicos.
Pola súa parte, a axente de igualdade do Concello, Carolina Rodríguez, explicou que o proceso de elaboración do documento pasou primeiramente pola fase de investigación documental para, unha vez estivese finalizada a de participación social, continuar coas de deseño e de redacción e publicación, polo cal estará á disposición neste 2022.
Para resolver dúbidas ou achegar propostas en canto ás medidas que se poidan establecer neste III Plan tamén está ao dispor o enderezo electrónico igualdade@apobra.gal e o teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6.