A Deputación e o Concello ampliarán o edificio de usos náuticos da Pobra do Caramiñal
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou na xornada de onte A Pobra do Caramiñal para comprobar in situ o estado do edificio de usos náuticos que alberga a actividade do Club Remo Puebla e anuncia-lo proxecto de mellora e ampliación. Primeiramente foi recibido na casa consistorial xunto á deputada provincial, Sandra González, polos concelleiros e concelleiras que forman a corporación municipal. No acto de benvida, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), agradeceron as achegas que realiza a entidade provincial ás administracións locais para a realización de diversas obras e o impulso de numerosos proxectos. Ademais, fixéronlle entrega dun obsequio consistente nunha dorna de cerámica e procedeuse coa sinatura no libro de honra do Concello.
Posteriormente, efectuouse o desprazamento ata o propio edificio de usos náuticos, onde foron recibidas e recibidos polo presidente do club, Antonio do Carmo, e os remeiros e remeiras que compoñen esta entidade deportiva cun forte arraigamento na localidade. Alí deron a coñece-lo proxecto de mellora e ampliación que se levará ao pleno provincial deste 25 de marzo. O investimento ascende aos 394 738’30 euros, co IVE incluído, dos cales a Deputación achegará arredor de 300 000 euros e o resto será asumido polo Concello. Esta actuación suporá a dotación cun segundo ximnasio, cunha sala de usos múltiples e cun despacho para a directiva; maior capacidade de almacenamento do material; renovación dos vestiarios; e mellora da accesibilidade, que inclúe, por exemplo, a instalación dun ascensor. Ademais, a fachada principal contará cunha ampla cristaleira que incremente a iluminación natural e a comunicación visual co exterior.
A folla de ruta proseguiu no Coworking, que recentemente se incorporou á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo. Creado en 2017, o centro pobrense consta dunha área de 143’23 metros cadrados con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con cabida para 8 módulos de traballo e destinado preferentemente a persoas emprendedoras que desexen crea-la súa propia empresa, e o espazo Nómades, con 2 módulos dirixidos a persoas usuarias externas que non permanezan de xeito continuado.
E, finalmente, achegáronse ata a Casa da Mocidade, que se estrutura nunha ampla área multiúsos (con escenario, equipamento de son, pantalla, proxector e mobiliario), nunha sala de traballo (dotada de mesas, ordenadores portátiles e unha pantalla táctil), e en dous talleres que forman parte do FabLab.