O programa Camiños de Coñecemento e Experiencia regresa á Pobra focalizado na fisioloxía, socioeconomía e cromática
A Pobra do Caramiñal acollerá a quinta edición do programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Camiños de Coñecemento e Experiencia que difundirá entre a veciñanza maior de 50 anos da localidade coñecementos científicos, humanísticos e artísticos mediante unha atractiva oferta formativa que abranguerá as temáticas da fisioloxía, socioeconomía e cromática. Cada unha delas constará dunha sesión teórica e outra práctica a cargo de persoal docente vencellado a este proxecto que transcorrerá ao longo de todo o mes de maio.
As encargadas de efectua-la presentación desta proposta foron a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro.
Comezará no 9 de maio co seminario O sono e os seus trastornos da man de Mónica Antelo Martelo, quen regresará na xornada seguinte, día 10, para ensinar técnicas para concilia-lo sono.
Xa no día 16 será a quenda de José Manuel Vázquez Lijó co seminario Tradición e modernidade nos escenarios galegos (1880-1950). Vellos e novos oficios e negocios. Volverá no día 24 cunha visita ao Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
E Nerea Varela Castro será a encargada de ofrece-lo seminario Simboloxía das cores, no 18 de maio, para proseguir coa parte práctica mediante unha excursión polos arredores no día 19.
As aulas impartiranse en horario de 16.30 a 18.00 horas, no Auditorio do Museo-Valle-Inclán, agás para aquelas sesións que requiren saídas. A matrícula é gratuíta e as prazas son limitadas. A formalización das inscricións ou solicitude de información pódese realizar na casa da cultura Raquel Fernández Soler, co teléfono de contacto 981831545.