
O Concello e a confraría da Pobra apostan pola formación no cultivo de semente en batea
Froito do traballo conxunto entre a Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal e a confraría de pescadores, nace o curso Técnicas de Cultivo de Semente en Batea destinado ás persoas socias e tripulantes da entidade que realizan a súa actividade laboral nos bancos marisqueiros en autorización, para o cal se dispón un total de 45 prazas.
A dita acción comezará no 23 de maio e estenderase ata o mes de setembro; consta dunha sesión teórica e dez prácticas, para o cal se empregará un artefacto flotante que consiste nunha batea a pequena escala, cedida pola Consellaría do Mar e financiada para o seu traslado e posta en marcha por parte da Administración local, para contribuír así á rexeneración dos bancos marisqueiros, tal e como apuntaron a concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), e o patrón maior da confraría, Enrique Maceiras. Pola súa parte, a bióloga da entidade, María Mar Pombal, explicou que no inicio deste proxecto se empregará, na totalidade, un millón de unidades de semente de ameixa.
Os contidos por impartir son a morfoloxía dos moluscos, o ciclo reprodutivo da ameixa, as técnicas da preengorda da semente de moluscos e o cultivo en batea de ameixa.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 16 de maio na propia confraría pobrense.