A campaña de divulgación sobre a compostaxe comunitaria prosegue na zona do Castelo
A Pobra do Caramiñal continúa inmersa na campaña de divulgación dos beneficios da compostaxe comunitaria que se puxo en marcha a mediados do mes de setembro con inicio na área de influencia da casa da cultura Raquel Fernández Soler.
Trátase dunha acción impulsada dende a Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), coa colaboración da Asociación Amicos para informa-la veciñanza sobre os beneficios da compostaxe comunitaria, o seu funcionamento e os recursos que a Administración local pon ó seu dispor. Trátase dunha medida en materia medioambiental que tamén contribúe á inserción laboral das persoas con diversidade funcional.
As visitas continuarán no sector do Castelo do día 26 ata o 30 de setembro en horario de mañá, de 09.30 a 13.30 horas, mentres que do día 3 ata o 7 de outubro serán en quenda de tarde, dende as 16.00 a 20.00 horas. A persoa da entidade encargada de ofrece-la información irá identificada cos logos das dúas institucións promotoras.
As tres illas da compostaxe comunitaria sitúanse na zona do Castelo (entre o edificio de usos náuticos e as pistas deportivas), de Venecia (na contorna do paseo da Xunqueira) e do Caramiñal (a carón das pistas de Raquel Fernández Soler). Os colectores están xestionados por persoal municipal.
As solicitudes de participación pódense presentar no rexistro, tanto físico coma telemático, logo de cubri-lo documento pertinente. Recibirase formación, contacto para resolver dúbidas, un caldeiro e as chaves dos contedores.
Este modelo implántase no municipio mediante unha subvención da cal resultou beneficiaria a Administración local, ó abeiro das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na convocatoria de Residuos 2019 e 2020 (PIMA e Pemar), que coas liñas de compostaxe pretende reduci-las emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e mellorar na consecución do Plan estatal marco de xestión de residuos (Pemar).