O Premio Carlos Mosteiro consolídase no panorama da literatura infantil
Un ano máis, o Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia suman forzas e botan a anda-lo V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. Trátase dun certame que busca homenaxea-lo escritor xa falecido, promove-los autores e autoras en lingua galega de literatura infantil e fomenta-la produción para inculca-lo hábito lector nas xeracións máis novas.
As bases introducen algúns cambios con relación a anteriores edicións. Isto exemplifícase no incremento das vías de entrega dos orixinais mediante pendrive ou o enderezo electrónico premioliterario.cultura@apobra.gal; non poderán presentarse a este certame aquelas creadoras que acadasen a distinción nunha ou en máis dunha ocasión das últimas catro convocatorias; e que a entrega do premio se fará coincidir coa presentación da obra galardoada, unha vez editada.
O premio considerará un único texto gañador, ó cal se lle asigna unha dotación económica de 3000 euros, a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada da Pobra. A este respecto, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), fixo fincapé no esforzo que realiza a Administración local ao asumir parte da edición, ademais do incremento do importe en relación cos tres primeiros anos do certame.
Así mesmo, a edil puxo de manifesto que o dito certame literario constitúe xa un referente no panorama galego, aspecto no cal coincidiu Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, quen destacou o alto nivel dos relatos presentados, agás na terceira convocatoria, cando quedou sen adxudicar por considera-lo xurado que ningún acadaba a suficiente calidade, nun exercicio para así tamén salvagarda-lo renome do premio.
En representación da A. C. Barbantia, o seu presidente, Manuel Cartea, salientou a fecunda e frutífera traxectoria profesional de Carlos Mosteiro; mentres que Lourdes Briones, viúva do escritor, tivo palabras de agradecemento para as institucións impulsoras, ademais de anima-la xente a participar, facendo especial énfase nas persoas noveis.
O prazo de recepción de orixinais remata no 30 de novembro de 2022. O xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil, unha delas da propia editorial. Tamén constará dun/dunha secretario/a, con voz, pero sen voto. O ditame darase a coñecer a finais do mes de decembro.
As bases completas e o documento de solicitude están á disposición nas páxinas web das entidades promotoras.