Mulleres do pasado e do presente protagonizan unha nova mostra na Pobra
A casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler acubilla durante a última quincena do mes de novembro unha nova mostra impulsada pola Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), ao abeiro da programación do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, no 25 de novembro, e que chega á localidade en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a área da Igualdade da Deputación da Coruña.
A mostra titúlase Nós somos elas e artéllase sobre a visión de vinte e catro poetas arredor de imaxes do Arquivo Vidal. Esta exposición busca poñe-lo foco nas mulleres, retratadas no seu ámbito privado e familiar polo fotógrafo de Laxe José Vidal (1900-1988). Instantáneas do pasado acompañadas de palabras do presente que sitúan as mulleres como protagonistas e convida o público a reflexionar sobre o papel das mulleres ao longo da historia.
As poetas que poñen as súas palabras ás fotografías son Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradáns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño.
A sala permanece aberta ao público de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.