A Pobra aborda temas de actualidade nas VIII Xornadas Muller e Ciencia
A oitava edición das Xornadas Muller e Ciencia levou á Pobra do Caramiñal tres temas de actualidade no Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora cada 11 de febreiro. A dita iniciativa naceu anos atrás para pór en valor o traballo das mulleres no ámbito científico e da investigación. “Sabemos da invisibilidade da muller ao longo da historia e queremos poñer enriba da mesa o seu papel no ámbito científico”, indicou a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), antes de proceder cos coloquios a cargo de expertas do ámbito da medicina, as matemáticas e a enxeñaría agrónoma.
Lola Ferreiro, feminista e doutora en Medicina, iniciou os simposios con A saúde das mulleres, maltratada polas violencias de xénero institucionais, no que analizou as violencias exercidas polas institucións por acción ou omisión. Ofreceu así unha panorámica sobre como a saúde das mulleres está influenciada por factores estruturais, culturais, sociais e individuais; todos eles atravesados polo xénero. A relatora conta cunha ampla experiencia no eido da investigación sobre a saúde mental dende unha perspectiva de xénero e participante en numerosas palestras sobre saúde, violencia de xénero e memoria das mulleres.
Sobre como botar man dos números para reduci-la contaminación ou apostar polas enerxías renovables ocupouse Rocío Vega en Unhas ecuacións que nos baixan os fumes. A matemática de formación, investigadora e actual responsable de Dixitalización en Reganosa, deu a coñecer entre o público ferramentas que axudan a mellora-la eficiencia enerxética e avanzar cara á descarbonización.
E, por último, tocou falar de autosuficiencia e resiliencia en Crises e espolios, con Begoña de Bernardo, quen é enxeñeira agrónoma, activista, divulgadora, presidenta da asociación Véspera de Nada e membro da Rede para o Decrecemento. Segundo apuntou, o esgotamento dos combustibles fósiles e o cambio climático son as dúas caras dunha mesma moeda. Avoga, polo tanto, a mirar a crise dende un punto de vista ecofeminista pois o noso planeta é finito, con recursos limitados, e cun ritmo de vida con tendencia ao crecemento exponencial.