
A Pobra restitúe a memoria histórica cunha escultura nos Xardíns de Valle-Inclán
Unha multitude congregouse nos Xardíns de Valle-Inclán na tarde do día 11 de febreiro para asistir ó acto de inauguración da escultura pola memoria histórica, que contou co acompañamento musical do grupo Mallou. Entre o público estaban familiares de persoas represaliadas polo franquismo como, por exemplo, parentes de Manuel Hermo Vidal, quen fora alcalde interino. Precisamente unha das súas descendentes sumouse ó alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); ó concelleiro da Memoria Histórica, Xabier Santos (BNG); e ó artista, Manuel Teira, coa finalidade de descubri-la peza.
Trátase dun prisma granítico que busca “explorar, reparar e restituí-la memoria, decencia e democracia”, como explicou o seu creador, quen felicitou o Concello da Pobra do Caramiñal pola súa determinación. A figura representa o pobo tratando de se zafar do sistema ditatorial. Estrutúrase así en tres apartados: no baixo está a cidadanía oprimida; no intermedio, o pico da sociedade; e, no alto, as feras, exercendo a súa tiranía.
Homenaxea-las vítimas da ditadura franquista e render un tributo a quen loitou e defendeu os principios da democracia, tales como as irmandiñas pobrenses: estes son os obxectivos da talla que, nas palabras do edil, busca “mirar cara ó futuro sen esquece-lo pasado, porque a historia ten o mal costume de ser cíclica.”
Cúmprese así cunha “materia pendente no noso concello”, segundo manifestou o rexedor.