En marcha a sexta edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia na Pobra
A veciñanza maior de 50 anos fórmase en socioloxía, patrimonio e historia da arte na sexta edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia que se desenvolve na Pobra do Caramiñal. Trátase dun programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que conta coa colaboración da Administración local pobrense.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), achegouse ata o Auditorio do Museo Valle-Inclán na tarde do 23 de marzo para sauda-las 39 persoas asistentes.
Esta convocatoria arrancou no día 22 co seminario Idadismo: desterrando prexuízos, a cargo de Nieves Rodríguez Solar, quen continúa neste día 24 coa parte práctica.
No día 23 tocou aprender da man de José Manuel Vázquez Lijó con Os pazos: un microcosmos de antano, cun desprazamento programado para o día 30 ao pazo de Goiáns, en Boiro.
E Mónica Rey Cabezudo achega Moda, arte e historia: unha lectura diferente do patrimonio galego no día 28, para levar ao terreo os coñecementos adquiridos coa visita ás igrexas de Santiago do Deán e Santa María a Antiga do Caramiñal, así como á torre de Bermúdez, no día 29.
Ademais, a universidade compostelá incrementa a oferta formativa nos municipios de Barbanza Arousa co Campus Itinerante IV Ciclo, cuxo prazo de inscricións continúa aberto. Orientado tamén a quen supere os 50 anos de idade, así como a profesionais de atención ás persoas maiores, o dito proxecto consta de seis xornadas repartidas entre as catro localidades e focalizaranse en distintos aspectos da saúde. Os simposios transcorrerán ao longo dos meses de marzo, abril e maio, todos eles ás 18.00 horas.
Para participar en calquera das conferencias, a veciñanza pobrense deberá tramita-la matrícula, de balde, de xeito presencial no Museo Valle-Inclán, no teléfono de contacto 981831662 ou no enderezo electrónico museo.valleinclan@apobra.gal.