A Pobra lembrou quen loitou pola democracia no Día da Galiza Mártir
No 17 de agosto conmemórase o Día da Galiza Mártir, data escolleita por se-lo día en que en 1936 fusilaron o intelectual galeguista Alexandre Bóveda no monte da Caeira (en Poio). O Concello da Pobra do Caramiñal convocou para esa xornada unha ofrenda floral a carón da escultura pola memoria histórica situada nos Xardíns de Valle-Inclán; figura elaborada polo artista local Manuel Teira como homenaxe ás vítimas da ditadura franquista e para lle render un tributo a quen loitou e defendeu os principios da democracia.
Xunto con membros da corporación municipal, do tecido asociativo e da veciñanza, a concelleira da Memoria Histórica, Patricia Lojo, manifestou que esta homenaxe non se centra unicamente en Alexandre Bóveda, senón que tamén se fai extensiva “a tódalas persoas que loitaron pola democracia e liberdade, especialmente tamén ás persoas da Pobra do Caramiñal, cunha mención moi especial e afectuosa a Manuel Hermo Vidal, tenente de alcalde da Pobra do Caramiñal, quen era ademais o alcalde substituto durante a sublevación militar fascista de 1936 e foi brutalmente torturado na nosa vila polos falanxistas e despois condenado a unha morte sempre inxusta. Sen eles, sen elas, non seriámo-lo que somos, nin estariamos hoxe aquí reunidas.” A edil debullou tamén o perfil político de Bóveda e todo o proceso vivido ata a súa execución.
Ó que respecta á súa persoa e á súa sensibilidade referiuse o alcalde, José Carlos Vidal, quen procedeu á lectura dunha carta que escribiu o intelectual dirixida á súa muller para despedirse e trasladarlle o seu amor. “Nas institucións públicas debemos honrar tódalas persoas mártires na historia do pobo galego. Por iso manter vivo o legado de Alexandre Bóveda é para o noso Concello unha obriga”, declarou o rexedor.