O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade inicia o ciclo 2023-2027
Representantes de administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participaron nunha Asemblea Xeral no 4 de outubro para a aprobación da composición da nova Comisión Executiva. Tres deputacións (A Coruña, Pontevedra e Lugo) e preto dun cento de concellos -entre eles, o da Pobra do Caramiñal- integran este organismo.
A xuntanza comezou cun balance do período 2019-2023; etapa na que se adoptou un sistema de cotas máis proporcional, o relanzamento da cooperación técnica realizada polo persoal municipal, o impulso á implantación da Axenda 2030 no eido local ou a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Tamén se fixo un repaso das accións que se están a desenvolver no presente ano: proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos países do Sur Global (sete actuacións directas ou a través de ONGD galegas no Sáhara, Mozambique, Guinea-Bissau, Guatemala, Nicaragua e El Salvador; o programa Especialistas en Cooperar, o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía e a organización dunha misión aos campamentos de persoas refuxiadas saharauís), iniciativas de sensibilización e fortalecemento institucional (II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional e recentes visitas de delegacións de varios países para intercambiar experiencias) e traballos focalizados na área da educación para a cidadanía global (o proxecto europeo People & Planet).
Presentouse, ademais, a campaña 313 Olladas Solidarias que o Fondo Galego desenvolverá neste último trimestre por toda Galicia para amplia-lo número de administracións locais socias.