A Pobra edita a súa guía turística en lingua inglesa para as visitas estranxeiras
Os recursos turísticos da Pobra do Caramiñal xa poden consultarse en inglés, coa edición da guía nesta lingua, motivada pola alta afluencia de persoas visitantes estranxeiras. A concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, explica que se reforza así a edición desta ferramenta, que xa existe en galego e en castelán, ademais de que era un dos obxectivos marcados, no pasado mes de xuño, cando se acadou o distintivo SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino) para a oficina do turismo. Remitirase a feiras nacionais e internacionais e repartirase na dita oficina, situada na Casa Mariñeira, no parque do Castelo.
Esta guía segue un formato visual, con mapas e instantáneas de distintas zonas do municipio, que se complementan cunhas pequenas reportaxes que, sen perde-lo seu compoñente descritivo, resultan nunha lectura dinámica, segundo precisa Sara Sánchez, unha das técnicas municipais do Turismo. Así, calquera persoa pode consultar no papel todo canto ofrece a localidade en relación con lugares turísticos, natureza, patrimonio, cultura, rutas e ocio.
A necesidade da edición no inglés tamén se fundamenta en que no pasado ano se recibiu na Pobra máis dun cento de visitantes que utilizaban a lingua inglesa para se comunicaren, tal e como apunta Ángeles Tubío, outra das técnicas municipais desta área. A procedencia destas persoas era do Reino Unido, Suecia, Dinamarca, Malta ou dos Estados Unidos. Bibiana Santiso Naveira foi a profesional encargada de face-la interpretación adaptada do texto orixinal. Ao contido reflectido na guía tamén se pode acceder a través da páxina web https://turismo.apobra.gal/, coa opción, a maiores, en francés. De feito, un dos obxectivos marcados pola Concellaría do Turismo é adaptalo ao público francófono.