Cánticos feministas polo Día Internacional da Muller na Pobra do Caramiñal
A reivindicación dos dereitos da muller fíxose notar na Pobra do Caramiñal en forma de manifestación e música tradicional no 8 de marzo.
Debido á xornada de chuvia, modificouse o itinerario previsto. Ataviada con panos de cor morada e pasquíns coa xota de Queimadelos con letra adaptada ao contexto social actual, a xente congregada partiu da praza Alcalde Segundo Durán con rumbo ao teatro cine Elma. Alí, a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, reiterou a importancia de seguir loitando por unha sociedade igualitaria e deu lectura ao manifesto da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) no que se recolle o compromiso das institucións locais de promove-la igualdade de xénero en tódalas áreas da sociedade. “Recoñecemos que aínda existen desigualdades sistémicas que afectan as mulleres nas nosas comunidades e comprometémonos a abordalas de maneira máis activa e efectiva, tendo especial sensibilidade con aquelas mulleres que máis difícil o teñen, como son as mulleres con discapacidade, mulleres migrantes, mulleres de diferentes etnias e mulleres que viven no medio rural. Non se pode progresar sen a metade da poboación, que son as mulleres, nin á conta delas”, apuntou.
A igualdade tamén se cantou coa Asociación Cultural Eiradela a través de varias coplas tradicionais. Pandeireta en man, catro das súas integrantes entoaron cánticos con perspectiva de xénero.
O mes de marzo tínguese de cor morada cunha ampla programación impulsada pola Concellaría da Igualdade para seguir avanzando cara o feminismo. As IX Xornadas Muller e Ciencia, contacontos para escolares, charlas para a primaria, actividades na secundaria e un curso de autodefensa son as accións promovidas neste ano.