A Pobra saca á luz a historia do campo de concentración do Pozo nun exercicio de xustiza, reparación e memoria
Dignifica-la memoria de todas aquelas persoas que loitaron pola defensa dos principios democráticos durante a Guerra Civil e a ditadura franquista, así como poñer sobre o mapa aqueles lugares vinculados a estes episodios. Esta é a reflexión baixo a que se rexeron os actos desenvolvidos na tarde do 13 de abril na Pobra do Caramiñal con motivo da axenda impulsada dende a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, coa colaboración do Concello pobrense, en materia de memoria histórica para conmemora-lo Día da República.
O punto de partida foi a inauguración dun panel informativo no campo de concentración do Pozo, na Lomba. Alí, a concelleira da Memoria Histórica, Patricia Lojo, recalcou o deber das institucións públicas de “facer todo canto estea na nosa man para impulsar políticas de memoria fronte ao negacionismo.” Continuou a súa intervención falando da necesidade de que se coñezan os padecementos das vítimas e tamén de defende-los dereitos das súas familias porque “sen reparación, non hai xustiza.” A edil lembrou a represión que sufriron O Barbanza e A Pobra do Caramiñal, en particular, con sucesos como o fusilamento do tenente de alcalde Manuel Hermo Vidal ou o cárcere para o xornalista e escritor Victoriano García Martí. E aínda que nos últimos anos se deron pasos que responden “á decencia democrática, á verdade histórica”, recoñeceu que queda moito por facer.
O presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza (CRMHB), Carlos Cimadevila, quixo dar conta polo miúdo dos obxectivos da entidade na súa actividade diaria; un conxunto de accións que pretenden “satisfacer no posible as expectativas de non repetición dos graves feitos do pasado recente, como o demandan as vítimas de violacións aos dereitos humanos e os seus familiares.”
Tamén participou o historiador Xesús Santos, quen recordou as penurias dos presos neste campo de concentración con traballos forzosos; unha triste e dura realidade na que tentaban paliar, na medida do posible, persoas como o sacerdote don Higinio, da parroquia de Santo Isidro de Posmarcos, con labores máis liviás, ou mulleres coñecidas como as madriñas, que arranxaban a roupa e levaban comida.
E o momento de coñecer un pouco máis de preto a un dos recluídos no Pozo, Manolo O Catalán, chegou en formato de carta dun dos seus sobriños, lida pola técnica municipal da Normalización Lingüística, Paula Alexandre. Manuel García Hornos, nacido en Granada en 1912, emigrou de neno a Cataluña, onde viviu ata que o levaron preso á Pobra do Caramiñal. Conseguiu finalmente a liberdade, casou con Segunda Amigo Rivadulla e acabou residindo na vila, onde exerceu como contable na fábrica de conservas Colomer ata a súa xubilación. Tamén destacou pola súa activa implicación na vida cultural e social da localidade.
Outra das asistentes foi a deputada provincial dos Dereitos Civís, Soledad Agra, quen se referiu ao papel importante que xoga a comunidade educativa para ensinar ás novas xeracións o noso pasado recente e que a historia non se repita. Condenou, ademais, o blanqueamento da ditadura e os golpes a estados democráticos, poñendo un exemplo actual como é o de Palestina.
Así mesmo, o alcalde, José Carlos Vidal, lembrou un episodio sucedido na súa etapa como bibliotecario municipal, protagonizado pola chamada dun home. Preguntaba se no municipio existira algún campo de concentración. O seu interese viña motivado polo que atopara escrito nunhas cartas que gardaba súa nai e que descubrira tralo falecemento da mesma. Na súa quenda de palabra, quixo “honrar a vida de todos aqueles que sufriron e morreron neste campo de concentración”, polo que pediu gardar un minuto de silencio.
Esta primeira parte contou tamén cunha ofrenda floral e a colaboración musical de Bernal Muíños. A segunda fase transcorreu xa no Auditorio do Museo Valle-Inclán coa presentación do caderno Campos de concentración. Muros, A Pobra e Rianxo e o nomeamento de Xesús Redondo Abuín como Republicano de Honra 2024. Aquí contouse novamente coa participación da edil, do presidente da CRMHB e do referido historiador, ademais de sumarse o escritor Xesús Alonso Montero e o secretario da CRMHB, Néstor Sieira, co grupo Barahúnda amenizando musicalmente estas últimas horas da tarde.