A vida e obra de Luísa Villalta analízanse conxuntamente no libro de Esperanza Mariño presentado na Pobra
Esperanza Mariño ofrece un amplo estudo sobre a autora homenaxeada polo Día das Letras Galegas 2024 en As escumas da letra. Biobibliografía de Luísa Villalta; volume que se presentou na tarde do xoves 16 no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.
O libro componse de dúas partes: os aspectos biográficos compleméntanse cunha análise da súa extensa e prolífica obra literaria integrada, especialmente por poesía, pero tamén por narrativa, teatro e ensaio, ademais de facer traducións e cultiva-lo xornalismo de opinión ou cooperar en obras colectivas e na elaboración de manuais didácticos para o ensino secundario.
Durante o acto, a autora estivo acompañada pola concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e Xesús Laíño, da A.C. Barbantia.
A edil manifestou que se apostou por incorporar esta presentación na axenda do Maio das Letras Galegas ao tratarse dunha “completa obra que explora a evolución como escritora de Luísa Villalta, sen deixar de lado a súa traxectoria vital.” Engadiu que neste exemplar “constátase o compromiso de Luísa coas nosas letras, coa nosa lingua e, por extensión, coa nosa cultura.”