Alumnado da primaria da Pobra descubriu as Marabillas de Galicia en formato de xincana no Maio das Letras Galegas 2024
As rúas do núcleo urbano da Pobra do Caramiñal convertéronse no 28 de maio nun particular campo de xogos para o alumnado dos centros educativos da primaria Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra, ao abeiro da axenda do Maio das Letras Galegas 2024 impulsada pola Concellaría da Cultura.
Durante un anaco da mañá, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, acompañou preto de 350 alumnos e alumnas para comproba-la superación das diferentes probas e xogos para, logo de completados, obteren cada unha das letras que conforman o nome Galicia e colocalas nunha placa. Cando a palabra estivo completa, puideron trocar por medallóns de madeira personalizados con debuxos de animais mitolóxicos.
Pero descubrir estas Marabillas de Galicia non resultou doado, pois durante a súa aventura tiveron que ter coidado cos fillos da coca de Redondela, que tentaban rouba-las letras xa gañadas, polo cal as crianzas tiveron que idear estratexias para evitaren que estes animais mitolóxicos con corpo de dragón e cola de serpe se fixesen coas letras, nunha xornada en que o equipo de Recuperación de Animais Mitolóxicos de Barafunda Animación quixo que coñecesen a cultura galega e coexistisen coa rapazada humana.
O cartel do Maio das Letras Galegas chegará á súa fin coa presentación do libro Fóra de xogo, de José Luis Baños, obra gañadora do VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. A cita desenvolverase no xoves 30, ás 12.00 horas, na casa da cultura Raquel Fernández Soler. Entregarase como obsequio cadanseu libro ao alumnado da primaria asistente a este acto.