
O Concello fai balance do programa socioeducativo e medioambiental do CAD, que remata tras atender 65 familias
A concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, entregou a Sara Outeiral, da empresa DS Smith Packaging Cartogal, a memoria final do proxecto medioambiental posto en marcha a través do Centro Integral de Atención á Discapacidade (CAD). O acto puxo fin ao traballo de meses e no que participaron 65 familias usuarias desta instalación. A entrega levouse a cabo nunha instalación ambientada con decoración de Samaín elaborada polo propio persoal e pola rapazada do CAD para os máis pequenos e pequenas.
O programa materializouse en 19 saídas a espazos naturais, 22 sesións individualizadas e outras 24 a nivel grupal. Entre as distintas accións que se organizaron houbo obradoiros de estampado con flores e follas, xornadas de limpeza para retirar a basuraleza, para promover o uso de materiais de refugallo e actividades de grafía na praia coa que os nenos e nenas usaron a area para escribir os seus nomes. O cronograma de propostas incluíu tamén sesións de interacción con animais da contorna do CAD, merendas sensoriais, plantación de árbores froiteiras, un circuíto motor polas árbores e camiños sensoriais.
O programa fíxose dentro do marco dun convenio de colaboración entre o Centro de Atención a Discapacidade e a empresa DS Smith Cartogal. A edil de Servizos Sociais agradeceu a colaboración da compañía nesta iniciativa coa que se buscou “atender aos nenos e nenas con problemas de integración sensorial e xerar conciencia entre os usuarios e usuarias sobre a importancia de coidar e respectar as contornas naturais”.
Durante a súa visita á instalación, a edil puxo en valor, ademais, o labor do persoal do CAD na decoración da instalación polo Samaín: “estes elementos compren non só unha función decorativa, senón que tamén serven para que os rapaces e rapazas poidan interactuar e xogar con eles, podendo funcionar como un xeito de entretemento cando están agardando para entrar súas sesións de terapia”.



