Últimas Novas

A campaña pobrense <i>Raña e gaña</i> derivou nun movemento de 800 000 euros na súa segunda convocatoria

A campaña pobrense Raña e gaña derivou nun movemento de 800 000 euros na súa segunda convocatoria

7 Xaneiro, 2022
No acto de presentación da segunda edición da campaña.

No acto de presentación da segunda edición da campaña.

A segunda edición da campaña Raña e gaña acaba de concluír despois de que se puxese en marcha no 27 de novembro para incentiva-las compras nos establecementos de proximidade e, polo tanto, vigoriza-la actividade económica do municipio; unha iniciativa pensada especificamente para a época do Nadal, xurdida da unión de forzas entre o Concello da Pobra do Caramiñal e o comercio local xunto coa colaboración do tecido empresarial: Congalsa, Grupo Roig, Rianxeira/Escurís, Conservas Ramón Franco, a estación de servizo Avia e DS Smith Cartogal.

Segundo informa a Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), esta convocatoria igualou o éxito da primeira, pois supuxo un movemento de aproximadamente 800 000 euros. No transcurso da campaña distribuíronse máis de 70 000 tarxetas en 60 establecementos comerciais e de servizos da localidade, o que se traduciu no repartimento de arredor de 600 agasallos directos por un importe total de case 15 000 euros.

Entre os locais integrantes figuraban tendas de roupa, alimentación, deportes, centros de estética, xoiarías ou informática, entre outros, o cal resultou en agasallos de diversa índole: dende produtos alimentarios a sesións fotográficas, tratamentos de beleza ou complementos, os cales son só algúns dos exemplos. Ademais, as empresas colaboradoras achegaron o seu grao de area con presentes que consistiron, principalmente, en lotes de produtos, dispositivos eléctricos, maletíns de limpeza de vehículos e unha viaxe familiar a Eurodisney. Este último era un dos obsequios máis ansiados e, finalmente, apareceu nun rasca entregado nesta semana. A agraciada resultou ser Eva Santamaría Dios, quen casualmente tamén é comerciante na Pobra, pois rexenta unha libraría. A entrega oficial deste premio efectuarase unha vez a situación sanitaria así o permita.

As persoas afortunadas que non recollesen os seus agasallos aínda están a tempo ata o día 28 de febreiro. No caso das contribucións do comercio, precísase na propia tarxeta o presente xunto co local ao cal acudir, mentres que no relativo aos artigos procedentes das empresas, a recepción é na oficina do turismo (Casa Mariñeira), onde o persoal municipal se encarga da xestión, pois estes produtos permanecen alí expostos. A atención ao público é de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas.