Últimas Novas

A campaña pobrense <i>Raña e gaña</i> xa case repartiu a totalidade dos agasallos

A campaña pobrense Raña e gaña xa case repartiu a totalidade dos agasallos

No municipio da Pobra continúa a campaña Raña e gaña, a cal botou a andar no 28 de novembro e concluirá no día 6 de xaneiro. A dita proposta naceu baixo a premisa de dinamiza-la economía local ao tempo que se xera ilusión e que se aposta pola unidade e, polo momento, xa repartiu máis de 85 000 tarxetas nos 71 establecementos comerciais e de servizos do termo municipal. Estes datos tradúcense na entrega de case a totalidade dos agasallos -arredor de 600- por un importe total de case 20 000 euros.

Unha iniciativa de cara á época do Nadal que naceu da unión de forzas por parte do Concello, a Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal, a Asociación do Pequeno Comercio Deán e a Asociación de Profesionais da Praza de Abastos coa colaboración de empresas que quixeron achega-lo seu grao de area: Congalsa, Rianxeira/Escurís, Camping Ría de Arosa, Conservas Ortiz, Conservas Ramón Franco e DS Smith Cartogal.

Dende a Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), enuméranse como obxectivos desta iniciativa a xeración de ilusión, ser un grande escaparate dos establecementos e produtos e servizos que ofertan, apoiar un sector imprescindible para a vida económica do concello e incentiva-lo consumo interno ao tempo que se atraen potenciais clientes.

Por cada dez euros de compra nos locais que toman parte desta campaña entrégase un rasca que pode presenta-la lenda “Grazas por apoiar o comercio local” ou os premiados que especifican o agasallo xunto co establecemento onde se debe recoller. No caso concreto das contribucións das empresas colaboradoras xa referidas, a persoa agraciada deberá acudir co seu rasca á oficina de turismo, onde o persoal municipal se encargará da xestión, pois os artigos permanecerán alí expostos. A atención ao público é de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas.

Entre os establecementos participantes figuran tendas de roupa, alimentación, deportes, centros de estética, froitarías ou informática, entre outros, o cal é unha mostra da heteroxeneidade dos locais integrantes desta campaña e, polo tanto, dos agasallos que se entregan: dende produtos alimentarios a un smartphone, pasando por ceas, tratamentos de beleza, complementos ou vales de compra, os cales son só algúns dos exemplos. Ademais, os locais contan cun distintivo nun lugar visible. Canto ás achegas por parte das empresas colaboradoras atópanse lotes de produtos, dúas rutas en quad pola ladeira do monte da Curota, menús realizados por varios restaurantes e unha viaxe familiar a Eurodisney, entre outros. O período estipulado para recolle-los premios será ata 28 de febreiro de 2021.