Últimas Novas

A campaña pobrense <i>Raña e gaña</i> xa leva repartidos máis de 300 agasallos

A campaña pobrense Raña e gaña xa leva repartidos máis de 300 agasallos

Dinamiza-la economía do municipio ao tempo que se xera ilusión e que se aposta pola unidade. Baixo esta premisa botou a anda-la campaña Raña e gaña no 28 de novembro e, polo de agora, repartíronse arredor de 35 000 rascas e máis de 300 agasallos. A dita proposta supón a distribución de máis de 70 000 tarxetas nos 71 establecementos comerciais e de servizos do termo municipal no transcurso da referida campaña, a cal se estenderá ata o día 6 de xaneiro, inclusive. Estas cifras traduciranse en arredor de 600 agasallos directos por un importe total de case 20 000 euros.

Unha iniciativa de cara á época do Nadal que naceu da unión de forzas por parte do Concello, a Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal, a Asociación do Pequeno Comercio Deán e a Asociación de Profesionais da Praza de Abastos coa colaboración de empresas que quixeron achega-lo seu grao de area: Congalsa, Rianxeira/Escurís, Camping Ría de Arosa, Conservas Ortiz, Conservas Ramón Franco e DS Smith Cartogal.

Dende a Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), enuméranse como obxectivos desta iniciativa a xeración de ilusión, ser un grande escaparate dos establecementos e produtos e servizos que ofertan, apoiar un sector imprescindible para a vida económica do concello e incentiva-lo consumo interno ao tempo que se atraen potenciais clientes.

Por cada dez euros de compra nos locais que toman parte desta campaña entregarase un rasca que pode presenta-la lenda “Grazas por apoiar o comercio local” ou os premiados que especificarán o agasallo xunto co establecemento onde se debe recoller. No caso concreto das contribucións das empresas colaboradoras xa referidas, a persoa agraciada deberá acudir co seu rasca á Oficina de Turismo, onde o persoal municipal se encargará da xestión, pois os artigos permanecerán alí expostos. A atención ao público é de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas.

Entre os establecementos participantes figuran tendas de roupa, alimentación, deportes, centros de estética, froitarías ou informática, entre outros, o cal é unha mostra da heteroxeneidade dos locais integrantes desta campaña e, polo tanto, dos agasallos que se entregarán: dende produtos alimentarios a un smartphone, pasando por ceas, tratamentos de beleza, complementos ou vales de compra, os cales son só algúns dos exemplos. Ademais, os locais contarán cun distintivo nun lugar visible. Canto ás achegas por parte das empresas colaboradoras atópanse lotes de produtos, dúas rutas en quad pola ladeira do monte da Curota, menús realizados por varios restaurantes e unha viaxe familiar a Eurodisney, entre outros. O período estipulado para recolle-los premios será ata 28 de febreiro de 2021.