Últimas Novas

A Cova das Letras subirá ás táboas do Elma con <i>Polo Camiño, contos da feira</i>

A Cova das Letras subirá ás táboas do Elma con Polo Camiño, contos da feira

Despois de que fose preciso adia-lo espectáculo Polo Camiño, contos da feira por cuestións alleas ó Concello, xa hai unha nova data para que a compañía A Cova das Letras suba ás táboas do Elma. Será no 19 de decembro, ás 19.00 horas. Trátase dunha proposta para a cal se empregan monicreques de luva e de táboa e que se basea na tradición oral galega e mais noutras literaturas populares para narra-la historia dunha feira na cal conflúen seis personaxes que, cos seus contos e cantos, fan voa-la imaxinación do público: a fotógrafa minuteira, o fistor, Pepa a Loba, Pepa das Mulas, o vendedor de tarabelas e a posticeira.

Dáselle así continuidade ó programa de dinamización lingüística FalaRedes 2020, da Secretaría Xeral da Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta (RDL), á cal o Concello da Pobra do Caramiñal pertence dende hai un ano a través do seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL), adscrito á Concellaría da Normalización Lingüística, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG).

A actividade é de balde e apta para tódolos públicos. Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal se aconsella a reserva previa da entrada a través do teléfono de contacto 676666263, ben sexa chamando ou por whatsapp. A fin do prazo da inscrición é ás 16.00 horas do propio día do evento.