Últimas Novas

A ilusión foi a grande protagonista na Pobra coa visita dos Reis Magos

A ilusión foi a grande protagonista na Pobra coa visita dos Reis Magos

6 Xaneiro, 2022

Un ano máis, os Reis Magos visitaron A Pobra do Caramiñal no 5 de xaneiro. Comezaron a xornada realizando videochamadas con aquelas crianzas que se atopan confinadas como consecuencia da COVID-19 ou para as cales resultaba imposible achegarse á visita presencial.

Posteriormente, pronunciaron o seu tradicional discurso dirixido a toda a veciñanza, facendo especial fincapé nos máis pequenos e pequenas da casa, para, deseguido, proceder co percorrido en vehículos polas parroquias do rural, o cal tamén se puido seguir por streaming a través do Facebook do Concello da Pobra do Caramiñal, onde tamén permanece colgada a mensaxe das súas maxestades os Reis do Oriente.

A ruta rematou na praza Alcalde Segundo Durán, onde Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron aos nenos e nenas, de maneira controlada e ordenada, para falar con eles e que lles transmitisen os seus desexos en persoa. Houbo, ademais, actividades dinamizadoras móbiles en distintos lugares da vila.

Tanto no desenvolvemento do itinerario coma na recepción, contouse coa colaboración da Policía local e da Protección Civil.