Últimas Novas

A peza teatral <i>Invisibles</i> representarase sobre as táboas do Elma no 31 de outubro

A peza teatral Invisibles representarase sobre as táboas do Elma no 31 de outubro

27 Outubro, 2021

O teatro cine Elma albergará neste domingo 31 a segunda das actividades programadas para este mes de outubro focalizadas na dinamización lingüística que chegan mediante a Rede da Dinamización Lingüística da Xunta (RDL), á cal pertence o Concello da Pobra do Caramiñal a través da Concellaría da Normalización Lingüística, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG).

A compañía Redrum Teatro representará a función teatral Invisibles, ás 19.00 horas. Trátase dunha adaptación do libro homónimo da xornalista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. O elenco está composto polas actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez, baixo a dirección de Marián Bañobre. Conta con varias distincións e galardóns, como o premio Luísa Villalta a proxectos de Igualdade da Deputación da Coruña ou os María Casares á Mellor Dirección, á Mellor Adaptación e á Mellor Iluminación.

A dita actividade é de balde e enmárcase no programa FalaRedes 2021, da Secretaría Xeral da Política Lingüística. As reservas débense formalizar no 685571058, indicando o nome, os apelidos e o teléfono de contacto. Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.