Últimas Novas

A POBRA DO CARAMIÑAL NO TEMPO

A POBRA DO CARAMIÑAL NO TEMPO

A Pobra do Caramiñal no Tempo: unha xornada para coñecermos máis a historia e a cultura do concello

A Pobra do Caramiñal é un dos concellos do Barbanza cunha maior diversidade de patrimonio cultural, memorias e relatos históricos debido á diversidade de xentes, tempos e clases sociais que atravesaron o noso territorio. É por iso que presentámo-la xornada “A Pobra do Caramiñal no Tempo: xornada de divulgación sobre a historia e cultura pobrense”, un evento con vontade de realización anual en que contaremos con destacadas persoas especialistas na historia e na cultura do concello. O evento está organizado polo Concello da Pobra do Caramiñal e coordinado por Manuel Gago, profesor da Universidade de Santiago e director do portal de divulgación do Consello da Cultura Galega, e por José Carlos Vidal Suárez, bibliotecario da Pobra do Caramiñal.

O primeiro acto realizarase no 8 de setembro de 2018 no Auditorio do Museo Valle-Inclán a partir das 16.30 horas.  Contará coa participación de Manuel Gago, quen falará sobre “Paisaxe e cultura na Pobra do Caramiñal: unha relación de milenios”.

Deseguido, ás 17.30, o profesor xubilado da USC Carlos Barros disertará sobre “Os irmandiños da Pobra do Caramiñal”, achegando nova información ó redor do papel deste importante movemento social da Galiza do século XV na nosa zona.

Deseguido, José Manuel Vázquez Lijó, da Universidade da Coruña, falará sobre “As xentes do mar na Pobra do Caramiñal nos tempos da vela: séculos XVI-XIX”, un tema de que é especialista e que é fundamental para coñece-lo pasado do concello.

As conferencias rematarán coa filóloga Ana Isabel Boullón Agrelo, do Instituto da Lingua Galega, da Universidade de Santiago de Compostela, quen falará de “Nomes dos lugares e persoas na Pobra do Caramiñal”, dándonos a coñece-la orixe, o significado e as particularidades de moitos topónimos e apelidos habituais no concello.

Pero a xornada contará tamén con dúas actividades de divulgación de grande interese. Ó final das charlas presentarase o mapa Xentes e tempos da Pobra do Caramiñal, un póster que presenta de maneira ilustrada unha selección da riqueza do patrimonio cultural do concello e de significados acontecementos, realizada polo ilustrador Juan Pablo Venditti. As persoas asistentes á xornada recibirán de balde unha copia do dito mapa.

E posteriormente á xornada, ás 21.30, a veciñanza poderá asistir a unha visita nocturna ós petróglifos da Pedra Leirada (Lesón), un espectacular conxunto de arte rupestre que combina épocas e significados. A visita, conducida por Manuel Gago, permitirá apreciar de maneira espectacular, con iluminación artificial, os trazos deixados polas nosas e nosos devanceiros. A inscrición é gratuíta.