Últimas Novas

A Pobra retoma neste mércores o mercado ambulante semanal

A Pobra retoma neste mércores o mercado ambulante semanal

O mercado ambulante da Pobra do Caramiñal regresa ao concello neste mércores 24 ao 50% da súa capacidade. Os postos rotarán cada semana para que tódalas e tódolos comerciantes poidan retoma-la súa actividade. Pola aplicación do protocolo fronte á COVID-19 e do control da cabida, os postos de alimentación e de plantas situaranse diante do mercado municipal, mentres que os de téxtil e calzado se trasladan á praza Alcalde Segundo Durán (praza Maior).

Cómpre indicar que tódolos postos verán reducido o seu tamaño coa finalidade de que sexa posible garanti-la distancia de seguridade e ningún deles poderá excede-los 8 metros de lonxitude.

Así mesmo, colocaranse dispensadores de xel hidroalcohólico, instalaranse carteis onde se especifiquen as medidas para seguir e estableceranse circuítos de entrada e de saída. Vaise controla-la cabida máxima na praza Alcalde Segundo Durán. Cando se acade esa cabida, non se poderá acceder ata que outras persoas abandonen o espazo. Ademais, a Policía local vixiará o cumprimento das restricións decretadas e que non se produzan aglomeracións.

As persoas propietarias dos postos deberán contar coa autorización previa do Concello, que informará de que día lle corresponde vir a cada posto.